Partia
Rexión de Asia central que se corresponde aproximadamente coa oblast’ de Corasmia, situada ao NL de Irán. Só se emprega referido ao Imperio Parto (247 a C-224 d C). En tempos de Alexandre o Grande anexionou Hircania, e ambas as dúas rexións quedaron unidas durante a dinastía seléucida. Cara a 250 a C, Arsaces, gobernador de Diódoto, rei dos gregos bactrianos, declarouse independente ante os seléucidas e orixinou a dinastía arsácida. Máis adiante, as conquistas de Mitridates I (178-138 a C) e Artaban II (128-124 a C) ampliaron os límites do imperio ao dominar toda a chaira de Irán e o val do Tigris e o Éufrates. A pesar de que os romanos chegaron a ocupar Ctesifonte, Partia converteuse no límite oriental da expansión romana. O imperio foi gobernado por unha reducida aristocracia, e o control desta rexión sobre as rutas comerciais entre Grecia, Roma e Asia, fortaleceu e estimulou o seu crecemento. En 224, un caudillo do sur de Irán, Ardašir, rebelouse e estableceu a dinastía sasánida.