participio
(< lat participiu)
-
s
m
[LING]
Forma non persoal do verbo, xunto co infinitivo e o xerundio, en tanto que non ten marca de persoa. Por causa do seu dobre valor, adxectival e verbal, sintacticamente participa das características do adxectivo e do verbo. Así, como adxectivo, admite os morfemas flexivos de xénero e número e, como verbo, conserva moitas peculariedades do réxime verbal. Con todo, non expresa por si só nin o modo nin o tempo verbal, e si o aspecto, que, polo xeral, é resultativo, aínda que non sempre, e con respecto á diátese, esta é única e pasiva con moitos verbos transitivos. É unha forma de pasado e nunca admite pronomes enclíticos ou proclíticos. En galego, as formas regulares de participio fórmanse co sufixo -do, -da, que deriva do participio pasado ou pasivo latino en -tu(s), engadido á vogal temática -a para a CI (and-a-do, sec-a-da) e -i para a CII e CIII (com-i-do, part-i-da), aínda que estas últimas presentan gran número de participios irregulares (comesto, escrito, posto).
-
participio absoluto
[LING]
-
participio dobre
[LING]
Participio que presenta unha forma regular e irregular para o mesmo verbo. Por exemplo, absolver presenta particio dobre absolvido (participio regular) e absolto (participio irregular).
-
participio presente/activo
[LING]
Forma de participio dos verbos latinos que en galego evolucionou como adxectivo ou como substantivo. Os adxectivos e substantivos que se crean sobre verbos da primeira e da segunda conxugación manteñen inalterada a vogal temática correspondente: cantante, camiñante; valente, crente, nacente, crecente. Os relacionados con verbos da terceira conxugación, pola contra, non presentan un resultado uniforme. Os máis deles son cultismos que se remontan á forma latina e presentan como vogal temática e ou ie: maldicente, maledicente; producente, contraproducente; incidente, reincidente; transixente, intransixente; lucente, relucente; influente, confluente, afluente; vivente, supervivente, etc, ou expediente, conveniente, proveniente, interveniente, nutriente, recipiente, sobresaliente, etc. Só uns poucos verbos da terceira conxugación presentan unha forma nominal con vogal temática en i: concluínte; contribuínte; saínte; seguinte, conseguinte; oínte, ouvinte; constituínte, reconstituínte. A esta norma escapan os derivados dos verbos durmir e servir que rexistran as formas patrimoniais dormente e servente.