partida

partida

(< partir)

  1. s f

    Acción de partir, saír ou marchar dun lugar.

    Ex: No momento da súa partida botouse a chorar.

    Sinónimos: marcha. Antónimos: chegada.
  2. [DER]
    1. s f

      Rexistro ou asentamento do bautizo, matrimonio ou enterro que se fai nos libros da parroquia ou no rexistro civil.

    2. s f

      Copia auténtica do asentamento dun feito que figura nun rexistro público.

    3. partida de defunción

      Copia do asentamento practicada na sección de defuncións do rexistro civil.

    4. partida de matrimonio

      Copia dos datos persoais dos contraentes que figuran no asentamento do rexistro do matrimonio.

    5. partida de nacemento

      Copia fidedigna da inscrición practicada nun libro do rexistro civil de novo nacemento.

  3. s f
    1. Conxunto de persoas, sobre todo cando forman parte dalgún traballo ou oficio.

      Ex: Enviaron unha partida de xornaleiros para segar o trigo.

    2. Grupo de persoas que se reúnen para a caza.

      Ex: Saíron varias partidas de caza para ir ao xabaril.

    3. [BÉL]

      Conxunto pouco numeroso de xente armada, organizada militarmente, que non se considera unha parte integrante da tropa regular.

    4. [BÉL]

      Grupo táctico que na cabalaría actúa de forma independente para cumprir unha misión determinada.

  4. s f

    Cantidade dunha mercancía ou dun xénero que constitúe unha remesa.

    Ex: A semana próxima chegará outra partida de café.

  5. s f [XOGO]

    Serie de actuacións que forman un xogo completo, ou un límite previamente convenido, co obxectivo de que alguén gañe ou perda.

    Ex: Xogamos unha partida de xadrez?

  6. [ECON]
    1. s f

      Elemento simple enumerativo dun estado contable. No ámbito da empresa, corresponde a cada un dos compoñentes elementais do activo e do pasivo do balance ou da conta de resultados.

    2. partida dobre

      Sistema de contabilidade en que o rexistro dunha operación esixe a duplicidade do seu importe na anotación nos libros principais (libro maior e libro diario), con cargo á persoa que recibe (debedor) e con abonamento á persoa que libra (acredor). Neste sistema, personifícanse contas e cousas materiais, é dicir, convértense en persoas que dan ou reciben, en debedores ou acredores.

    3. partida simple

      Sistema de contabilidade que rexistra unicamente as denominadas operacións a termo, polas que o comerciante resulta debedor e acredor. As operacións ao contado fanse constar en libros auxiliares.

Frases feitas

  • Comerlle a partida. Enganar e burlarse de alguén.

  • Seica me queres comer a partida? Expresión que usa unha persoa para advertir ao interlocutor de que non a intente enganar ou burlarse dela.