marcha

marcha

(< marchar)

  1. s f

    Acción de marchar.

    Ex: A súa marcha da vila colleunos por sorpresa.

    Sinónimos: partida, saída.
  2. s f
    1. Acción de desprazarse dun lugar a outro.

      Ex: A marcha do autobús segue o horario previsto.

    2. Desprazamento a pé, realizado xeralmente por un grupo numeroso de persoas, en que se reivindica algo ante algunha autoridade.

      Ex: A marcha contra o goberno foi a máis numerosa da historia.

  3. s f [DEP]

    Modalidade deportiva que consiste en camiñar moi rápido, mantendo sempre un pé en contacto co chan.

    Ex: Apunteime á proba de trinta quilómetros marcha.

    1. s f

      Acción de andar un vehículo ou unha máquina.

    2. s f [TECNOL/TRANSP]

      Ritmo ou velocidade coa que se move ou funciona un vehículo ou unha máquina.

    3. s f [TRANSP]

      Cada unha das relacións fixas entre as velocidades dos eixes primario e secundario dun cambio de marchas, que corresponden a unha combinación determinada das engrenaxes.

    4. marcha ó mínimo [TECNOL]

      Réxime de funcionamento dun motor de explosión por debaixo do que se para ou por defecto de carburación.

    5. marcha á vista [TRANSP]

      Marcha dun ferrocarril tal que o maquinista pode detelo na parte da vía que ve directamente.

  4. s f

    Evolución ou desenvolvemento dunha cousa ou persoa.

    Ex: A marcha dos acontecementos levaranos a tomar outras medidas.

  5. s f

    Enerxía e vitalidade que manifesta unha persoa cando se divirte.

    Ex: Na cea que celebramos o sábado todos tiñamos moita marcha menos Pedro.

  6. s f [MÚS]

    Composición musical de tipo solemne e ritmo lento que se emprega para acompañar diversas celebracións litúrxicas e protocolarias. Na música tradicional galega destacan as marchas procesionais, que acompañan diversos ritos relixiosos. Son composicións que se adoitan interpretar cun cuarteto tradicional (dúas gaitas, bombo e tamboril), aínda que admiten outros instrumentos. Das máis populares destaca a “Marcha do Antigo Reino de Galicia”.

  7. [PAT]
    1. s f

      Estilo ou maneira de camiñar, normal ou patolóxica.

    2. marcha atáxica/tabética

      Marcha coas pernas separadas, erguéndoas moito ao facer o paso e deixándoas caer bruscamente, golpeando a terra co calcañar, a pouca distancia do outro pé.

    3. marcha cerebelosa

      ataxia cerebelosa.

    4. marcha de pato

      Marcha oscilante provocada pola separación dos pés para conservar o equilibrio. Obsérvase nas miopatías que afectan a cintura pelviana.

    5. marcha en estrela

      Marcha con desviación unilateral, que se manifesta máis tapando os ollos ao paciente, e que cambia de signo levando a cabeza para atrás. É típica das síndromes vestibulares.

    6. marcha espasmódica

      Marcha coas pernas xuntas e ríxidas, que se caracteriza por pasos curtos, arrastrando as puntas dos pés. Obsérvase en casos de lesión bilateral na vía piramidal.

    7. marcha hemipléxica

      Marcha que se caracteriza pola utilización dos músculos da pelve, facendo que as pernas describan un movemento de gadaña. É propia das persoas que sofren unha apoplexía.

    8. marcha histérica

      Marcha tipicamente incongruente e contraditoria, que non se adapta a ningún tipo de trastorno das funcións nerviosas.

    9. marcha parkinsoniana

      Marcha coa cabeza baixa, a mirada fixa, o tronco inclinado cara a abaixo e os brazos sen balancear. Os parkinsonianos avanzan dunha forma lenta ao principio, e aceleran o paso progresivamente a causa do desprazamento do centro de gravidade.

  8. marcha analítica sistemática [QUÍM]

    Técnica analítica que consiste en determinar as especies químicas inorgánicas (catións e anións) presentes nunha disolución, a partir dunha secuencia de reaccións, e cada unha delas permite determinar un grupo de aquelas especies, caracterizado por un comportamento químico similar.

Frases feitas

  • A toda marcha. Coa maior velocidade posible.

  • Abrir a marcha. Ir diante dun conxunto de xente que vai dun sitio a outro.

  • Cerrar a marcha. Ir de último nun conxunto de xente que vai dun sitio a outro.

  • En marcha. En funcionamento.

  • A marchas forzadas. Con moita présa ou de maneira precipitada.