Partido Galeguista

Partido Galeguista
Nome científico: [PG]

Partido político fundado en Pontevedra, en decembro de 1931, na VII Asemblea das Irmandades da Fala. Entre os seus membros destacaron Vicente Martínez Risco, Ramón Otero Pedrayo, Ramón Cabanillas Enríquez, Ramón Suárez Picallo e Afonso D. Rodríguez Castelao. Adoptou o sistema democrático e estruturábase en agrupacións de base territorial e comités directivos de forma piramidal. O seu órgano soberano era a asemblea xeral que se encargaba da adopción do programa, da liña política e das decisións importantes. Na súa primeira etapa configurouse como un partido de elite e vangardista. Defendía a autodeterminación política de Galicia e aspiraba a unha federación ibérica, europea e mundial de nacionalidades de base étnica, todo baixo unha pretensión pacifista e antiimperialista. Entre os seus obxectivos tamén se incluían a supresión das deputacións provinciais, o recoñecemento da parroquia como entidade político-administrativa, a igualdade de dereitos políticos para a muller, a reforma agraria e a creación dun Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Destacaba o seu ton populista e anticaciquil. Non se declarou republicano aínda que abundan os pronunciamentos dos seus dirixentes en favor da República. Tiña un programa reformista e moderadamente progresista. Despois dos pobres resultados que acadou nas eleccións de 1933, modificou a súa orientación e na IV Asemblea, celebrada en abril de 1935, decidiu colaborar coa esquerda estatal. Como consecuencia deste acordo, o grupo Dereita Galeguista escindiuse. En 1936 integrouse na Frente Popular e, despois de gañar as eleccións do mes de febreiro, foron elixidos deputados Castelao, pola provincia de Pontevedra, e Suárez Picallo, pola da Coruña. Despois do levantamento militar de 1936, o PG foi reprimido e pasou á clandestinidade, onde colaborou coas forzas da oposición antifranquista. Durante o Franquismo desapareceu.