pascua

pascua

(

  1. [RELIX]
    1. s f

      Festa xudía que, unida á festa dos ácimos, conmemora a liberación de Exipto e prolóngase durante sete días. A festa é de orixe pastoral de ofrecemento dos primoxénitos dos rabaños, mentres que a dos ácimos xa debía de existir entre os cananeos. A Biblia preséntaas xa unidas, de xeito que a Pascua coincidía co primeiro día dos ácimos, é dicir, o 14-15 de nīsan, mes lunar entre marzo e abril. OBS: Nesta acepción adoita escribirse en maiúscula.

    2. s f

      Festa cristiá, correspondente á Pascua xudía, en que se conmemora a morte e resurrección de Xesús Cristo, celebración distinta da do domingo desde o s II. Malia que nun principio a palabra grega ðάó÷á se aplicou á conmemoración da Paixón, axiña (s IV) incluíu a vixilia nocturna do sábado ao domingo e, no s V, indicou só o domingo de Resurrección. A celebración da morte e resurrección foi denominada triduo pascual, que co tempo incluíu tamén a misa vespertina do xoves santo. A fixación da data comportou na orixe serias dificultades e malentendidos e o Concilio de Nicea (325) decidiu que fose o domingo seguinte ao primeiro plenilunio da primavera. A data, daquela, pode variar entre o 22 de marzo e o 25 de abril. A adopción do calendario gregoriano fixo que a data dificilmente se corresponda en Occidente e en Oriente, onde se continuou co calendario xuliano. A determinación da data da pascua dun ano concreto baséase no coñecemento da epacta e o número áureo. Desta festa dependen as demais celebracións movibles do ano litúrxico: o primeiro domingo de Coresma (40 días antes da Pascua), o domingo de Ramos (7 días antes da Pascua), a Ascensión (40 días despois da Pascua), Pentecoste (50 días despois da Pascua), a Santísima Trindade (7 días despois de Pentecoste) e Corpus Christi (o xoves seguinte á Trindade). OBS: Tamén se denomina Pascua de Resurrección, Pascua florida e primeira Pascua e nesta acepción adoita escribirse en maiúscula.

    3. s f

      Día ou época en que se celebra esa festa.

    4. segunda Pascua

      Festa xudía celebrada o día catorce do segundo mes en atención aos enfermos e viaxeiros que non se atopaban en Xerusalén para celebrar a primeira Pascua.

  2. s f pl

    Período de tempo que vai desde o día 25 de decembro ata o seis de xaneiro, ambos inclusive.

  3. s f pl

    Regalos ofrecidos ou non con ocasión da festa de Pascua.

    Ex: Aínda non lle levei as pascuas ao meu afillado.

  4. flor de pascua [PLANTA]

    Planta que en estado natural pode acadar ata os 3 m de altitude. Caracterízase por ter follas verdes en forma de serra e brácteas de cor vermella; as flores son pequenas e amarelas, o froito capsular e florecen en estado natural na primavera, pero as ornamentais xa están acondicionadas para que florezan en inverno, no interior das casas. É orixinaria de México, e actualmente cultívase como planta ornamental.

Frases feitas

  • Alegre/contento coma unhas pascuas. Moi contento.

  • De pascuas en flores/en ramos. De cando en vez.

  • Facerlle a un as pascuas. Enfastiar.

  • Saírlle a pascua en venres/sexta feira. Saírlle as cousas a alguén ao revés do que esperaba.

Refráns

  • A Pascua onde quixeres, o Antroido onda as mulleres.
  • Altas ou baixas, en abril son as Pascuas.
  • Despois de cantar ¡aleluia!, o que teña fame que a sacuda.
  • Despois de que toquen a aleluia, o que teña fame que a sacuda.
  • Pascua marzal, ano de mortandá.
  • Pascua marzal, fame, guerra ou mortandá.
  • Pascua marzal, ou para moito ben ou para moito mal.
  • Pascuas en marzo, ou fame ou mortazo.
  • Pascuas enxoitas, nin poucas nin moitas.
  • Pascuas marzais., ou famentas ou mortais.
  • Pascuas marzales, fames ou mortandades.
  • Pascuas molladas, moitas dobradas.
  • Pascuas molladas, que veñan dobradas.
  • Pola Pascua de Resurrección tres cousas non teñen sazón: sardiñas salgadas, castañas asadas e predicación.
  • Tal teñas a Pascua, cal teñas a casa.