Paso Honroso
Competición cabaleiresca, organizada polo cabaleiro leonés Suero de Quiñones, que tivo lugar na ponte do río Órbigo do 10 de xullo ao 9 de agosto de 1434. Suero de Quiñones, ao ser rexeitado por unha dama, sentiuse prisioneiro dela e levaba no pescozo unha argola de ferro. Para liberarse desta prisión, organizou unha xusta e enviou a moitos países de Europa un cartel onde facía constar que, por servizo á súa dama, impediría o paso a todo cabaleiro que nas mencionadas datas quixese pasar por aquela ponte e que o obrigaría a loitar con el ou con algún dos seus novos compañeiros. Despois de que loitaran 68 cabaleiros, Suero de Quiñones rematou o torneo e peregrinou a Santiago de Compostela. En Santiago deixou como agasallos un brazalete, ouro e perlas, que leva pendurados no pescozo o busto de Santiago Alfeo. Todos estes acontecementos foron recollidos no Libro del Paso Honroso (1588), redactado polo escribán real e notario Pedro Rodríguez de Lena.