patinaxe

patinaxe

(< patinar)

s f [DEP]

Deporte que consiste en esvarar, sobre patíns, por unha superficie lisa e dura. Ten catro especialidades: hockey sobre patíns, ho-ckey sobre xeo, patinaxe de velocidade e patinaxe artística. A patinaxe artística comprende tres probas: individual (masculina e feminina), por parellas e danza. As dúas primeiras constan duns exercicios obrigatorios e outros libres. A danza, en parellas, esixe a participación dos concursantes nun programa formado por tres probas: unha obrigatoria (música e pasos establecidos), unha de creación (musica establecida e pasos libres) e unha libre (música e pasos libres). A patinaxe de velocidade comprende as probas de 500 m, 1.000 m, 1.500 m, 5.000 m e 10.000 m na categoría masculina e 500 m, 1.000 m, 1.500 m e 3.000 m na categoría feminina. As carreiras teñen lugar nunha pista de xeo de dous carrís, dunha anchura de 4 ou 5 m e unha lonxitude de 333 a 400 m.