Patiño Pérez, Antón

Patiño Pérez, Antón

Pintor, fillo de Antón Patiño Regueira. Coñecido como Antón Patiño, formouse na Escuela Superior de Bellas Artes de San Fernando de Madrid (1974-1979). Na década de 1970 participou nas mostras artísticas da praza da Princesa de Vigo e relacionouse cos poetas do grupo Rompente. En 1980 viaxou a Nova York con Menchu Lamas, Ánxel Huete e Guillerme Monroy, e coñeceu o expresionismo abstracto. Ao regreso fundou con eles o colectivo Atlántica. As súas propostas artísticas partiron do expresionismo abstracto de gran forza colorista, xestual e expresiva e derivaron, especialmente desde a década de 1980, na realización de grandes series monográficas secuenciais. Desde esta década, as referencias abstractas da súa pintura deixaron paso á representación de motivos vexetais (Palmeira dobre, 1983) e marítimos (Beira do océano, 1999). Especialmente características foron as súas representacións de máscaras (Dobre rostro, 1983; Orixe-entroido, 1984) e figuras inidentificables (A Mexona, 1984; Vulcano, 1984). Fronte ao colorido (Mapa sedentario, 1999), a exuberancia e o dinamismo dalgunhas obras (Labirinto laranxa, 2003), noutras -especialmente a partir de 1986- manifestou unha maior contención, empregando cores frías en grandes espazos cargados de simetría e dun forte sentido de composición (Escritura neuronal, 1995; Ícaro branco, 1995). Destacan as súas series Marea negra, Memoria prehistórica e Os campos magnéticos. Realizou exposicións en Bos Aires, Vigo, A Coruña e Monforte de Lemos. Escribiu Xeometría líquida (1993).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Monforte de Lemos