Pato Díaz, María Xesús
Poetisa. Coñecida como Chus Pato, publicou os seus primeiros poemas na revista Escrita (1984). Colaboradora habitual de Andaina, Dorna, Festa da palabra silenciada, Luzes de Galiza, Ólisbos e Revista das letras, foi membro da editora-cooperativa Letras de Cal, da Asociación de Escritores en Lingua Galega e do PEN Club de Galicia, ademais de fundadora das Redes Escarlata, coas que colaborou en Xuro que nunca volverei pasar fame (2003). Na súa obra analiza problemas sociais, aborda o culturalismo clasicista e incorpora elementos feministas, nunha novidosa combinación de imaxes realistas e surrealistas. Autora de numerosos libros de poemas aínda inéditos, da súa obra destacan Urania (1991), Heloísa (1994), en que se modifica a imaxe tradicional dos mitos clásicos; Fascinio (1995), Nínive (1996, Premio Losada Diéguez 1997), A ponte das poldras (1996) e m-Talá (2000). Publicou tamén, xunto con outras sete mulleres, o cartafol poético 8 e medio (1992), en que incluíu unha serie de composicións marcadas pola súa reflexión sobre a escrita como realidade multidimensional. Participou en obras colectivas como Palabra de Muller (1992), en Edicións do Dragón; Sete poetas ourensáns (1992) e Poesía dos aléns (1994) co grupo Dolmen; e Daquelas que cantan (1997), este último en homenaxe a Rosalía de Castro.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Ourense