Patronato da Cultura Galega
Patronato da Cultura Galega
Agrupación cultural creada en Montevideo o 8 de xuño de 1964, a iniciativa de Xosé Cancela Freixo. Tivo como finalidade o achegamento da colectividade galega ao pobo uruguaio e o espallamento da cultura galega en todas as súas expresións. Das súas iniciativas destacaron a creación da Escuela Galicia, a edición de libros e publicacións en galego -xunto a unha biblioteca con máis de 10.000 exemplares-, a creación do Día da Poesía Galega e o galardón Vieira de Prata, concedido cada ano a unha persoa ou institución que traballase a favor dos fins da agrupación. Tamén se fixeron cargo do programa radiofónico Sempre en Galicia e da publicación do boletín cultural Guieiro.