Paz, La

Paz, La

Capital administrativa, sede do goberno de Bolivia e capital do departamento homónimo (792.499 h [2001]). Está situada nunha profunda cubeta dun altiplano a 3.700 m de altitude, cunhas vertentes moi escarpadas. Alí están instaladas pequenas industrias, como fiadeiros de la e algodón, fábricas de cemento e de calzado, e manufactura de tabaco. Fundada por Alonso de Mendoza (1584) ao lado dunha vila inca, unía as capitais do baixo Perú cos grandes centros mineiros do altiplano. Foi unha cidade moi próspera nos ss XVII e XVIII. Desde 1809 uniuse aos independentistas e en 1824 foi liberada por Antonio José de Sucre. Foi sede do goberno boliviano e aglutinou o comercio do altiplano cara ao Pacífico. As minas de estaño impulsaron a economía da cidade no s XIX e competiu con Sucre. A Revolución de 1898-1899 de José Pando converteuna en capital da república fronte á histórica Sucre. Do seu patrimonio cultural destacan a igrexa de San Francisco (1743-1784) e a de Santo Domingo.