Paz Lozano, Octavio
Poeta, ensaísta e diplomático mexicano. Combatente do exército republicano durante a Guerra Civil Española, onde coñeceu a Pablo Neruda, e membro da Alianza de Intelectuales Antifascistas, ao seu regreso a México foi un dos fundadores de Taller (1938) e El Hijo Pródigo. A partir de 1955 organizou o grupo Poesía en Voz Alta e colaborou en Revista Mexicana de Literatura e El Corno Emplumado; ademais, foi un dos principais impulsores de Plural e Vuelta. Membro da embaixada de México en India (1962-1968), durante as súas estadías en Europa trabou amizade con diversos intelectuais como André Breton e Albert Camus. A súa obra caracterízase pola recorrencia dos temas do amor, a soidade e a morte, expresados cunha gran riqueza imaxinativa. Considerado como un dos principais escritores das letras mexicanas, como poeta iniciouse co libro Luna silvestre (1983), ao que seguiron outros volumes de claro compromiso político como Raíz del hombre (1937), Bajo tu clara sombra y otros poemas sobre España (1937), Entre la piedra y la flor (1941) e A la orilla del mundo (1942). Máis tarde, procurou a propia liberdade persoal mediante as infinitas posibilidades da palabra, recorrendo a todos os ismos, como se pode apreciar en Libertad bajo palabra (1949). Tamén cómpre salientar outros libros de poemas como La estación violenta (1958), Discos visuales (1968), Ladera Este (1962-1968) (1969), Topoemas (1971), Vuelta (1976, Premio de la Crítica Española), Árbol adentro (1976-1987) (1987) e a primeira recompilación da súa obra completa, Obra poética (1935-1989) (1990). Como ensaísta destacan El laberinto de la soledad (1950), El arco y la lira (1956), Cuadrivio (1965), Conjunciones y disyunciones (1969), El mono gramático (1974) e El ogro filantrópico (1979). Tamén publicou Sor Juana Inés de la Cruz o las trampas de la fe (1982), Hombres en su siglo y otros ensayos (1984) e La otra voz. Poesía y fin de siglo (1990). Recibiu o Gran Premio Internacional de Poesía (1963), o Premio Cervantes (1981) e o Premio Nobel de Literatura (1990).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Mixcoac -
Deceso
Lugar : Coyoacán, México