pedagoxía

pedagoxía

(

  1. s f [EDUC]

    Ciencia e arte da educación. Refírese aos principios, métodos, instrumentos e conxunto de mediacións para o ensino e a formación completa do neno, o que actualmente se estendeu de modo xenérico á consideración da formación das persoas en calquera momento vital. As opcións educativas sucedidas no curso da historia, con fundamentación relixiosa e filosófica, deron lugar a intuicións, utopías e realizacións asumidas a partir do s XIX pola pedagoxía propiamente dita, que as considera sistematicamente no plano teórico e práctico de novas formulacións científicas. Destacan as diferentes achegas históricas: a figura do mestre que transmite os coñecementos pola palabra e a austera convivencia na natureza do budismo; a aprendizaxe da codificación e descodificación do saber no texto escrito da escola chinesa; a formación do escriba e do guerreiro ao servizo dos gobernantes de Exipto e Babilonia; a do rabino a cargo dos libros sagrados e do pobo escollido; a formación do heroe homérico ao final dun proceso educativo, proceso que na antiga Roma chegou a ter consideración de interese nacional; o cristianismo uniu a visión ascética do home ao servizo de Deus e as concepcións derivadas da relación entre fe e ciencia; o Renacemento ofreceu intuicións pedagóxicas e grandes formulacións humanistas; a Reforma de M. Lutero puxo a Biblia e o ensino da súa lectura como vía de coñecemento para a salvación; a reacción católica promoveu a aparición de ordes relixiosas dedicadas á educación, como foi o caso dos xesuítas ou dos irmáns de La Salle; J. A. Comenius formulou a necesidade dunha educación realista, mentres que J. Locke defendeu a súa adaptación ás novas necesidades sociais e económicas; a Revolución Americana e a Francesa traducíronse paulatinamente en formulacións da educación como a realización da escola para todos. A pedagoxía como ciencia racional e estruturada comezou a ser formulada coa Allgemeine Pädagogik (Pedagoxía Xeral, 1806) de J. F. Herbart. Posteriormente, o positivismo e o evolucionismo social, así como diversas consideracións sociolóxicas e un mellor coñecemento fisiolóxico e psicolóxico da natureza humana e das súas caracterísiticas evolutivas, posibilitaron o nacemento do movemento internacional da escola nova ou activa, cunha pedagoxía centrada tanto no desenvolvemento integral das capacidades das persoas en formación coma na transmisión dun renovado saber e dunha nova perspectiva para a formación moral. As achegas de W. James, J. Dewey, M. Montessori, O. Decroly, É. Claparède, A. Ferrière, J. Piaget, H. Wallon ou C. Freinet fundamentaron estes procesos de renovación pedagóxica e impulsaron a aparición de novas concepcións e experiencias pedagóxicas. A segunda metade do s XX foi a época da expansión educativa, cunha demanda social que se reflectiu en novas reformas nos sistemas educativos. A pedagoxía moderna presta atención aos avances da psicoloxía e aos da socioloxía, considera o neno, e por extensión as persoas, dentro do seu grupo sociocultural e dentro do grupo-clase, e formula un perfil dos docentes como organizadores de situacións de aprendizaxe, de formación e de desenvolvemento para estas persoas e grupos.

  2. pedagoxía experimental [EDUC]

    Rama da pedagoxía que trata de formular un modelo pedagóxico, ou en todo caso, articulados procesos de intervención educativa, extraídos das conclusións da verificación experimental á que previamente se someten contidos de estudo e procedementos didácticos. As súas expresións naceron a fins do s XIX como consecuencia e reflexo do clima científico positivista e do vivo desenvolvemento da psicoloxía experimental.

  3. pedagoxía musical [MÚS]

    Principios, contidos e procedementos de ensino musical. A pedagoxía musical tiña, na cultura grega clásica, dous aspectos diferenciados: o ensino teórico puramente especulativo e a interpretación. Na Idade Media os principios teóricos da música formaban unha das catro partes do cuadrivio. Os intérpretes formábanse nas capelas musicais de igrexas ou mosteiros. En Italia había xa escolas especializadas nos ss XVII e XVIII, se ben no resto de Europa os conservatorios non apareceron ata o inicio do s XIX.

  4. pedagoxía social [SOCIOL]

    Disciplina que estuda e desenvolve os coñecementos e as estratexias de intervención educativa, para levar a termo unha intervención sobre colectivos ou individuos con necesidades e dificultades específicas de integración social; unha intervención que debe cooperar ao logro da súa autonomía e desenvolvemento. As diversas ciencias que aquí teñen aplicación son a psicoloxía, a socioloxía e a antropoloxía. Os técnicos profesionalizados neste campo  son, de ordinario, asistentes sociais, psicólogos, pedagogos, educadores sociais, monitores de tempo libre e animadores socioculturais.

Palabras veciñas

pecuniario -ria | ped(o)- | pedagogo -ga | pedagoxía | pedagóxico -ca | pedal | pedalada