Pedr’ Eanes Solaz

Pedr’ Eanes Solaz

Trobador de probable orixe galega. As súas cantigas de escarnio non conteñen datos históricos suficientes para saber onde desenvolveu a súa actividade, agás unha referencia nunha cantiga de amigo ao mosteiro de Nogueira, na provincia de Pontevedra. Algúns estudosos identificárono co xograr que se menciona na documentación sobre unha persoa, Urraca, muller dun xograr coñecido como Pedro Anes e tamén porque interpretan o seu apelido Solaz como un alcume xograresco. Aínda así, para outros o apelido poderá derivar do toponimo galego do mesmo nome e xunto co lugar que ocupan os seus textos no que constitúe un vestixio do Cancioneiro Aristocrático levan a pensar que foi un trobador. Da súa obra, repartida entre os tres principais cancioneiros, consérvanse sete composicións, divididas en catro cantigas de amor, localizadas no Cancioneiro da Ajuda, e reducidas a dúas nos cancioneiros da Biblioteca Vaticana e Biblioteca Nacional de Lisboa, e tres de amigo. Das primeiras cómpre salientar o gusto do autor polo paralelismo, tal e como se reflicte en “Eu sey la dona velida” e “[V]ou-m’eu, fremosa, pera ‘l-rey”. Neste grupo destaca especialmente “Non est a de Nogueyra a freyra que m’e(n) poder ten”, non só polo topónimo e polo seu carácter divertido, senón porque presenta dúas redaccións, da que a máis recente pode ser a dos cancioneiros B e V. No relativo ás cantigas de amigo destacan “Dizia la ben talhada”, polo xogo de variacións paralelísticas elaborado ao redor do leixaprén; e “Eu velida non dormia”, provista dun dobre refrán, moi sonoro e de enigmática comprensión.