Pedro II de Aragón o Católico
(? 1177? - Muret, Languedoc 1213) Rei de Aragón (1196-1213), fillo de Afonso II de Aragón e de Sancha de Castela. Ante a difusión da herexía cátara, asinou un tratado de non agresión e mutuo apoio con Xénova (1198), consolidou a paz interior e estableceu un pacto de amizade co emperador almohade (1200). En 1208 implicouse máis na política occitana a raíz da cruzada albixense, nun intento de mediación, que fracasou, e negouse a aceptar como vasalo a Simón de Montfort, que foi nomeado conde de Carcassone. Ante os ataques almohades a Castela, a petición do Rei Afonso VIII, formou parte do exército cristián que venceu na Batalla de Las Navas de Tolosa (1212). Mentres, reprimida a ofensiva por parte de Simón de Montfort, acudiu a Tolosa en 1213 e Occitania quedou baixo a súa soberanía. A pesar da orde do papa de que abandonase os seus vasalos occitanos, uniuse cos condes de Foix, Tolosa e Comenge e sitiaron Muret. Simón de Montfort intentou en van unha negociación e en 1213 enfrontáronse os dous exércitos e morreu na batalla.