Pedro Helías Elías
Arcebispo de Santiago (1142-1149). Arcediago e deán da catedral en tempos do arcebispo Xelmírez. Antes de 1120 foi enviado por Xelmírez, con outros clérigos composteláns, a estudar en Chartres, onde destacou nos estudos gramaticais e de retórica ata converterse nun dos mestres gramáticos do núcleo cultural conformado entre Chartres e París; chegou mesmo a instruír na retórica ao intelectual Xoán de Salisbury. En 1120 pasou a exercer a docencia en París, posiblemente na abadía de Sant Victor, desde onde puido coñecer unha parte dos intelectuais europeos deste tempo. Parece que en 1123 viaxou a Roma xunto con Pedro Fulcón para solicitar unha bula confirmatoria da autoridade de Xelmírez como legado pontificio e da perpetuidade de Santiago como sede metropolitana. Tras a morte de Xelmírez (1140) unha sentenza favorable do Papa Inocencio II confirmouno como arcebispo fronte a Berengario, bispo de Salamanca. Durante o seu bispado continuou a política do seu predecesor. Obtivo de Afonso VII numerosas doazóns e privilexios e continuou cos traballos na catedral do claustro e da torre do reloxo. Como membro da orde de Cóengos Regulares de Santo Agostiño colaborou na restauración do mosteiro de San Xoán de Cova. En xuño de 1144 asistiu ao matrimonio da infanta Urraca co rei de Navarra don García. En 1145 participou mediante o envío de tropas nunha campaña organizada por Afonso VII contra os musulmáns en Andalucía, que tivo como resultado a toma de Baeza e Almería. En 1149 dirixiuse á cidade de León para recoller os restos mortais de Berenguela, esposa de Afonso VII, e trasladala a Santiago para o seu enterramento. Continuou a manter relacións coa corte papal. Finalizou a Historia Compostellana e foi autor dunha gramática latina, co título de Summa Super Priscianum, manuscrito tomado en consideración nos estudos gramaticais universitarios parisienses ata ben andado o s XIV.
Cronoloxía
-
Deceso