pega

pega

(< lat pica)

  1. [ANIMAL/ORNIT]
    1. s f

      Conxunto de aves da familia dos córvidos, que inclúe, por exemplo, aquelas que pertencen aos xéneros Pica e Garrulus. Na tradición oral recóllense ditos como: “Díxolle o corvo á pega: “Bótate alá, que es negra!”. Non hai pega sen mancha negra. Dáme pega sen mancha, e dareiche moza sen chata. Niño feito, pega morta”.

    2. pega azul/marza/rebordá

      gaio azul.

    3. pega carniceira/carnizá/carrachenta/ rabilonga/rabuda [Pica pica, Fam dos córvidos]

      Ave de 46 cm, sen dimorfismo sexual, que presenta plumaxe branca nas costas, ventre e parte inferior das puntas das ás, negra na cabeza, pescozo, ás e parte do dorso, e cola negra pero con irisacións verdes e azuis. Vive en parques, campos abertos con árbores e nas terras de cultivo, e aliméntase de insectos, miñocas, sementes, froitos, ovos, ratos, etc. Escasea a partir dos 1.300 m de altitude, e ten o costume de recoller cousas brillantes e levalas ao seu niño. A pesar da súa agresividade fronte a intrusos, ten como inimigos naturais os azores e os gabiáns. É sedentaria e distribúese por toda Europa; cría na Península Ibérica, e en Galicia é moi común.

    4. pega fría

      avefría.

  2. s f [MIT]

    Paxaro que anuncia a morte, sobre todo se se xuntan varios sobre unha casa, se peta nos cristais coa á ou se voa á esquerda ou gralla no mesmo lado.

Frases feitas

  • Máis contento/alegre ca unha pega sen rabo. Estar moi contento.

  • Tanto pica a pega no trobisco que creba o bico. Expresión que indica que non se pode tentar moitas veces a sorte porque todo pode saír mal.

Refráns

  • Quen anda ás pegas atópaas brancas e negras.

Palabras veciñas

Peenemünde | Peer Gynt | Peers, Edgar Allison | pega | 1 péga | 2 péga | pegada