Peloponeso
Rexión meridional de Grecia que constitúe a península do mesmo nome (15.490 km2; 607.428 h [1991]). Está unida ao continente polo istmo de Corinto e limitada polos golfos de Patras e de Corinto ao N, polo Mar Xónico ao O e polo Mar Exeo, ao L. É a continuación da serra de Pindos, moi montañosa e de morfoloxía complexa, onde abundan os mantos de corremento e encabalgamento. O Erýmanthos (2.221 m) ao NO, e o Kyllénē (2.370 m) ao NL, son os macizos máis importantes despois do Taíget (2.404 m) ao S. Ao S, o Párnon, o Taíget e a serra de Messenia continúan o relevo do N, bordeando as depresións dos golfos profundos de Messenia, Laconia e Argólida (Nauplia). O Pámisos, o Eurôtas, o Alfeo e o Peneo son os principais ríos da rexión. O clima é tipicamente mediterráneo con choivas escasas; a vexetación que predomina é de tipo maquis, xunto con zonas de bosque vizoso e rico. A agricultura é a riqueza principal, onde destacan os cultivos de vide, oliveiras, tabaco e cítricos. Poboada na época neolítica, foi invadida polos dorios (s XII a C). A súa historia é de difícil reconstrución ata o s VII a C, época en que adquiriron unha grande importancia as cidades estados de Argos e de Esparta. Esta última comandou a Liga do Peloponeso, fixo fronte aos persas (480 a C) e obtivo o dominio e a hexemonía de toda Grecia. Caeu baixo o xugo macedónico no 338 a C. Contra o ano 1000, as relacións con Venecia e o comercio marítimo fixeron que a rexión alcanzase un período de gran prosperidade económica ata a fin do s XIII, momento en que os cabaleiros francos se fixeron donos do territorio, chamado daquela Morea. Os francos impuxeron a súa organización feudal, e o mesmo fixeron os Villehardouin, despois da conquista do principado de Alcaia. Os venecianos e os bizantinos determinaron a gradual decadencia do país. En 1460 os turcos conseguiron o dominio absoluto. A poboación grega mantivo vivo o sentimento nacional e, influída pola Igrexa ortodoxa, resistiu ante os invasores. Con todo, Venecia non deixou de intervir e fomentou as tentativas de rebelión. En 1821, os gregos de Peloponeso, capitaneados por T. Kolokotronis, manifestáronse contra os turcos e, despois duns anos de loita, conseguiron a creación dun goberno grego independente en Nauplia, presidido por Ioannis Kapodistrias.