2 penla
(
Nena que representa a alegría na procesión do Corpus. As nenas van vestidas de branco, cunhas plumas no lombo a xeito de ás, e, polo xeral, levan o pelo adornado cunha pequena grilanda ou coroa e aros na cintura para facilitar o traballo das mulleres, as burras, que as levan sobre os ombreiros durante a procesión. Non se dispoñen de datos suficientes para establecer a súa orixe, pero sábese con certeza que xa se celebraba no s XVI. Hai constancia desta celebración en varios zonas de Europa e de Galicia, como Santiago de Compostela, a parroquia de Bouzas (Vigo) ou Pontevedra, mais é Redondela o único lugar onde se conserva. Unha das posibles orixes míticas desta festa fai referencia á aparición dun monstro, a coca, que vivía na ría e que tiña atemorizada a bisbarra de Redondela. Ás veces facía a súa aparición, saía da auga e apoderábase dalgunha moza que levaba para a súa cova. Certo día, os mozos do lugar decidiron acabar con ela nunha longa loita. Ao matala trouxérona ao lugar e comezou un baile ao seu redor. Os mozos mariñeiros bailaron coas armas nas mans, dando lugar á danza das espadas, e ao mesmo tempo as mozas cativas bailaban coas nenas nos ombreiros, o que deu lugar á danza das penlas.