Pentateuco

Pentateuco
[RELIX]

Conxunto dos cinco primeiros libros da Biblia (Xénese, Éxodo, Levítico, Números e Deuteronomio) que constitúen a primeira parte do Antigo Testamento, chamada entre os xudeus Tora ou Moisés, xa que se lle atribuía a el a súa redacción. É unha compilación de narracións e de prescricións legais, redactada probablemente en Babilonia baixo a dirección de Esdres, que reuniu nunha obra outros escritos anteriores referentes ás orixes ou aos patriarcas. Os dous escritos máis antigos coñécense cos nomes de iavista e elohista. Despois da destrución de Samaria (722 a C) parece que os homes de Ezequías, en Xerusalén, enriqueceron as narracións iavistas con fragmentos tomados da obra elohista, e formaron o escrito chamado JE. Finalmente, durante a deportación a Babilonia (ss VI-V a C), os círculos sacerdotais relacionados con Ecequiel redactaron de novo as tradicións que van desde a orixe ata a distribución do territorio conquistado. Este escrito, estruturado segundo unha cronoloxía ideal, serviu de cadro para a recompilación do Pentateuco. Os redactores intercalaron as narracións e as leis que proviñan do libro JE.