Peña Novo, Lois

Peña Novo, Lois

Xornalista, xurista e político. Comezou os estudos de filosofía no Seminario de Mondoñedo (1907), ata que en 1910 marchou a Santiago de Compostela para ingresar no Instituto Xeral e Técnico. Posteriormente, como alumno libre, licenciouse en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, nunha etapa en que coñeceu o catedrático Lois Porteiro Garea. Durante esta época asistiu a un mitin ofrecido por Alfredo Vicenti en Vilagarcía de Arousa, en que se trataba o tema do galeguismo e as reivindicacións dos máis necesitados. O impacto daquel discurso foi tal que en breve se incorporaba a Solidariedad Gallega (1910-1912). A partir de 1916 instalouse na Coruña, onde se constituíu nun dos impulsores das Irmandades da Fala en toda Galicia, inicialmente como secretario e conselleiro primeiro da Irmandade da Fala da Coruña, e logo participando na fundación da Irmandade de Vilalba. Na organización tentou acentuar un carácter máis político fronte á liña cultural que defendeu Vicente Risco. Na IV Asemblea celebrada en Monforte de Lemos (1922) produciuse o enfrontamente entre ambas as dúas tendencias, que desembocou na creación da Irmandade Nazonalista Galega (ING), que tivo en V. Risco o seu conselleiro supremo, e que provocou a escisión da Irmandade da Fala da Coruña. Malia a suposta derrota, seguiu participando nas campañas de propaganda agraria e contribuíu á difusión e organización do ideario do nacionalismo galego coas súas colaboracións en Céltiga, Galicia, El Noroeste, Nós, A Nosa Terra, El Pueblo Gallego e Ser, e a través de numerosos mitins e conferencias. O apoio da Irmandade da Fala da Coruña foi decisivo para que Peña Novo fora o primeiro que conseguise acceder a un cargo público representando o nacionalismo galego como concelleiro da Coruña (1920-1923). Nos distintos departamentos en que desenvolveu o seu cargo político loitou por favorecer a lingua galega, a educación e a cultura. En 1929 participou na fundación da ORGA, que se integrou na Federación Republicana Gallega (FRG) en 1930. Durante a Segunda República (1931-1936) foi gobernador civil en Cáceres, Sevilla e València, e gobernador xeral en Extremadura. Participou no Pacto de Barrantes (1930) e na redacción do texto do Estatuto galego de 1931. Despois de presentarse ás eleccións a Cortes en 1931 e 1933 non conseguiu a acta de deputado, polo que en 1936, expulsado xa da ORGA, decidiu non presentarse novamente. Co estalido da Guerra Civil foi detido e deportado a Zaragoza. A partir dese momento suspendeu toda actividade pública e política, e dedicouse a exercer como avogado na súa vila natal. Na súa obra investigou sobre a realidade socioeconómica galega, analizou o problema agrario, propugnou a abolición dos foros e pediu un sistema educativo propio e axeitado para Galicia. No apartado político reivindicou a autonomía de Galicia no marco dunha República Federal Española e analizou a situación de represión do Estado español cara ás autonomías, como a galega, nun universo ideolóxico marcado polo nacionalismo, o republicanismo e o esquerdismo non marxista. Ademais, defendeu a lingua e a cultura galegas como base da nacionalidade de Galicia, fixou o referente de integración en Portugal e reafirmou a analoxía que existe entre Irlanda, no seu proceso de independencia fronte a Reino Unido, e Galicia, Catalunya e Euskadi. Escribiu El problema agrario de Betanzos. Su resolución, que resultou premiado nos Xogos Florais de Betanzos (1918); La Mancomunidad Gallega (1921), premiado pola revista Mondariz; e Nuevas orientaciones sociales (1929), que se dividiu en dous apartados fundamentais, “La estrutura económica del mundo moderno” e “La estrutura económica de Galicia”. Co seu artigo “La inversión del ahorro campesino”, que asinou como Luis Cadabal e que se publicou no xornal La Noche (1959) foi galardoado co Premio Mourente.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Vilalba

  • Deceso