Pereira de Castro, Xoán Manuel
Político, fillo de Ignacio Manuel Pereira. Pediu asilo político en Portugal polas súas ideas revolucionarias (1842) aínda que, en 1843, reapareceu en Vigo apoiando o pronunciamento militar de B. Espartero. Foi deputado a Cortes, electo por Ponteareas (1848-1850) e acusárono de dirixir unha proclama aos habitantes de Galicia e ao exército instándoos a revelarse contra o goberno, polo que foi xulgado e condenado. Fuxiu de novo a Portugal e, amnistiado polo goberno, presentouse no Congreso para tomar cargo de deputado (1854-1856). Responsable do pronunciamento liberal en Pontevedra, foi nomeado gobernador civil (1854), cargo que ocupou por pouco tempo polo descontento e presións dos habitantes de Vigo. Durante a Revolución de Setembro de 1868 foi proclamado presidente da xunta de goberno. Asinou un manifiesto para que as Cortes concedesen a coroa a un monarca portugués e acadar deste xeito a reunificación peninsular. En 1871 foi nomeado embaixador e ministro plenipotenciario no Imperio de China e no Reino de Siam. Foi senador por Ourense (1871-1873). Publicou Los países del Extremo Oriente (1883) e a súa vida foi novelada por R. Otero Pedrayo na súa obra O Señorito da Reboraina. Recibiu a Gran Cruz de la Orden de Isabel a Católica (1869).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Redondela -
Deceso
Lugar : Ourense