Pérez, Heriberto

Pérez, Heriberto

Político. Figura relevante do socialismo ourensán na segunda década do s XX, foi secretario do Centro de Sociedades Obreras de Ourense en 1914. Foi detido en diversas ocasións, como en 1917, despois da folga antidinástica convocada pola UGT e a CNT, e en 1921, despois da folga xeral iniciada en solidariedade coa loita anticaciquil de Vilamartín de Valdeorras. A partir de 1922 afastouse do PSOE e colaborou coa Confederación Regional Agraria de Basilio Álvarez Rodríguez, participando no seu congreso fundacional (1922) como defensor do abolicionismo foral da Federación Provincial Agraria de Ourense. No verán dese mesmo ano achegouse dun xeito temporal ao anarcosindicalismo e asistiu en Vigo á conformación da Confederación Regional Galaica da CNT, que logo representou no mitin celebrado en Ourense en protesta pola represión dos agrarios de Guillarei (Tui). Durante a Ditadura de Primo de Rivera seguiu vinculado á organización agraria ata que se retirou da actividade pública.