Pérez Guerra, Ernesto

Pérez Guerra, Ernesto

Escritor e lingüista. Coñecido co pseudónimo de Ernesto Guerra da Cal, realizou os seus estudos universitarios en Madrid, que alternou coa súa afección ao teatro no grupo de teatro La Barraca. Alí contactou con Federico García Lorca e foi un dos principais animadores do autor andaluz á hora de escribir os seus seis poemas en galego. Durante a Guerra Civil Española alistouse nas Milicias Galegas, traballou na sección exterior do servizo de información militar do Ministerio de Guerra e colaborou na revista Nova Galiza. Na fin do conflito marchou a EE UU, onde se exiliou, e en Nova York finalizou os seus estudos cun doutoramento en Filoloxía Románica na Columbia University. Pertenceu á Xeración de 1936 e mantivo contacto cos intelectuais máis importantes da súa época. Persoa de convicións nacionalistas, en 1977 renunciou á nacionalidade española como partidario da integración de Galicia no mundo lusófono, instalouse en Portugal e defendeu a liña reintegracionista, tal e como reflectiu na súa obra escrita. Ademais de diversos ensaios sobre a obra de Mendinho, Pero Meogo, Rosalía de Castro ou Eça de Queirós, é autor de Lengua y estilo de Eça de Queiroz (1954) e da parte galega do Dicionário de literatura: literatura portuguesa, literatura brasileira; literatura galega, estilística literaria (1956), dirixido por J. Prado Coelho. Ademais, colaborou en diversas obras enciclopédicas, como a Columbia Ditionary of Contemporary European Literature (1947), a Colliers Encyclopedia (1949-1950) e a Encyclopedia of World Literature. Da súa produción literaria, en que empregou frecuentemente os heterónimos de D. C. Warnest, Etore D’Alencarra ou Roger Caldas, destacan os libros de poemas Lua de além-mar (1958) e Rio de sonho e tempo (1963), en que se recollen composicións con ritmos moi traballados e de temática humanista, e onde reflicte moitos dos seus pensamentos sobre a terra galega; e en prosa, Motivos do Eu (1966), Futuro imemorial: (manual de velhice para principiantes) (1985), Deus, Tempo, Morte, Amor e outras bagatelas (1987) e Coisas e loisas (1992), e en portugués O Renacimiento Galego Contemporáneo (1965). Presidente de honra do I e II Congreso Internacional da Lingua Galaico-Portuguesa, foi socio correspondente da Academia de Ciências de Lisboa e da Sociedade de Xeografía, e académico correspondente da Academia Internacional da Cultura Portuguesa. Foi doutor honoris causa polas universidades de Baía e Coimbra.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Ferrol

  • Deceso

    Lugar : Lisboa