Pérez Rulfo Vizcaíno, Juan Nepomuceno Carlos

Pérez Rulfo Vizcaíno, Juan Nepomuceno Carlos

Escritor mexicano. Coñecido como Juan Rulfo, integrouse no grupo de escritores que crearon un universo propio, Comala, para convertelo en escenario onde se desenvolven as súas historias. Na súa obra reflicte as dificultades da súa infancia, especialmente as loitas relixiosas da ‘guerra de los cristeros’ e o falecemento dos seus pais, pero tamén se manifesta o seu carácter sensible e romántico. Apaixonado da literatura clásica, está considerado como un dos representantes do realismo máxico. Os seus personaxes, que se moven en escenarios rurais de México, representan e reflicten o tipismo do lugar, cos seus grandes problemas, o atraso, a miseria, o caciquismo, onde a presenza da morte, a violencia, a degradación e a sexualidade son unha constante. Todas estas preocupacións reflectiunas tamén no seu arquivo fotográfico, composto por máis de 6.000 negativos. Da súa obra destacan a colección de pequenos relatos El llano en llamas (1953), centrada na vida dos labregos mexicanos; a novela Pedro Páramo (1955), fundamental para a literatura hispanoamericana; El gallo de oro y otros textos para cine (1980); e Inframundo, el México de Juan Rulfo (1980). Recibiu o Premio Nacional de Letras de México (1970) e o Premio Príncipe de Asturias de las Letras (1983). En 1991 instituíuse o Premio de Literatura Latinoamericana y del Caribe Juan Rulfo.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Sayula, Jalisco

  • Deceso

    Lugar : Ciudad de México