periglaciarismo

periglaciarismo

(

s m [XEOG]

Sistema de erosión e tipo de modelado característico das rexións frías da Terra, non recubertas de xeo dun xeito continuo e onde as alternancias de xeo e desxeo son o factor erosivo esencial. O termo foi introducido en 1909 por W. Lozinski para describir o tipo de clima e os trazos morfolóxicos superficiais controlados polo mesmo. Aproximadamente, unha sexta parte da superficie das terras emerxidas están baixo os efectos do periglaciarismo. Durante os períodos de clima frío do Cuaternario, esta superficie foi considerablemente maior, e os sinais do modelado periglacial aínda son perceptibles. O sistema periglacial localízase nos sectores de latitudes moi elevadas e nos sectores de alta montaña. Nas latitudes elevadas hai dous tipos de áreas cubertas de xeo durante longas tempadas cada ano; as áreas de clima polar continental, como ao NL de Siberia, e as áreas de clima polar oceánico, como Islandia. Nas grandes altitudes, o xeo desenvolve un importante papel durante gran parte do ano. Este piso periglacial sitúase por debaixo do piso glaciario e a súa amplitude depende das temperaturas, as precipitacións e a forza do vento. A cota inferior, en xeral, aumenta das latitudes altas ás baixas. Nas latitudes altas localízase a partir dos 800 m, e nas medias arredor dos 2.000 (Alpes) ou 2.500 m (Mediterráneo). Os principais mecanismos de erosión no sistema periglacial son a acción directa do xeo sobre as rochas, a auga da fusión da neve e o desxeo, e o vento. As tensións creadas no seo das rochas polo aumento de volume da auga que se xea nos poros e fisuras, provocan a xelifracción ou fragmentación mecánica das rochas. Segundo as propiedades da rocha (porosidade, fisuración, etc) e a frecuencia e intensidade do xeo, a fragmentación é de tamaño variado. Distínguense a macroxelifracción, que desaloxa grandes bloques, e a microxelifracción, que pulveriza a rocha en pequenos fragmentos. A dinámica de vertentes presenta gran variedade de fenómenos, tanto en masa como por elementos. A mobilización destes elementos está dominada pola crioturbación e a xelifluxión. A segregación do xeo superficial en forma de agullas (pipkrakes) levanta e balancea fragmentos rochosos. A segregación do xeo en forma de lentellas provoca ocos na superficie do solo que pode xerar montículos de terra envoltos por vexetación e cerros de varias ducias de metros de diámetro. Cando existe un subsolo xeado permanentemente (permafrost), a parte de solo que se desxea estacionalmente (mollisol) está comprimida na seguinte xeada, xa que o xeo progresa desde a superficie. Estas presións dan lugar a dobramentos e involucións, chamadas xeliestruturas. A xelifluxión é un fenómeno dominado pola presenza de xeo no solo, que é desconxelado no verán, feito que proporciona grandes cantidades de auga líquida. O permafrost non desconxelado compórtase como un plano de escorregamento para as linguas lamacentas. Este fenómeno adopta diversas modalidades dependendo da topografía e da cobertura vexetal tanto como da textura e do grosor do material. Combinada con procesos non específicos dos medios periglaciais, como as augas de arroiada ou os desprendementos por gravidade, a acción do xeo e desxeo modela formas de vertentes características que se poden agrupar en catro tipos: as de xelifracción, as de xelifluxión, as vertentes con recháns e as que teñen canais de aludes. As vertentes de xelifracción están moldeadas polo efecto da crioclastia nunha parede rochosa ao pé da que se acumulan os fragmentos por gravidade en conos ou mantos de terra. As vertentes de xelifluxión desenvólvense nas rochas que liberan unha cantidade suficiente de materiais finos para permitir o lento desligamento destes. Con moita frecuencia, estas vertentes presentan unha topografía de detalle deformada, máis ou menos caótica, debido aos movementos masivos en pendente. En ladeiras de pouca pendente dan lugar a solos poligonais, pero, a medida que a pendente aumenta, son frecuentes as coadas de barro e os nichos de solifluxión. As vertentes con recháns caracterízanse pola superposición de amplos recháns subhorizontais limitados por noiros bastante fortes. As vertentes con canais de aludes localízanse nos sectores con grandes cantidades de neve, capaces de provocar avalanchas. Obsérvanse grandes e profundos sucos, rectilíneos, que foron escavados polos aludes que eventualmente puideron ser retocados pola xelifracción. Os conos de dexección reúnen os fragmentos no fondo das avalanchas, transportados pola neve. En todos os casos, as grandes masas de detritos son encamiñadas ao pé das vertentes, onde alimentan os fondos dos vales. Nos vales pequenos, as augas pérdense nas capas detríticas que determinan un perfil curvado. Nos vales suficientemente importantes como para ser percorridos por augas estacionais divagantes, remodelan estes detritos e modelan, espallándoos, vales de fondo chairo. A mediocridade da capa vexetal nos climas fríos e secos, a abundancia de detritos finos diante dos glaciares e as areas desprendidas nos areais por diminución do nivel dos mares durante as fases frías do Cuaternario, explican o importante papel do vento no sistema morfoxenético periglacial. A deflación eólica encárgase das areas e dos limos, deixando no seu sitio as pedras. Os elementos areosos son redepositados rapidamente, moitas veces, en capas informes, ás veces en forma de dunas, outras veces mesturados coa neve. Os elementos máis finos percorren máis espazo antes de ser atrapados pola vexetación esteparia, envolvendo os relevos cun manto de loess dun grosor de varios metros, variables segundo a topografía. O dominio morfoclimático periglacial pódese dividir en dous subdominios; o deserto de xelivación e o periglacial de tundra. O deserto de xelivación implica ausencia de vexetación, escaseza de chuvias e polo tanto, unha xelifracción e xelifluxión limitadas. O transporte das partículas é produto da gravidade e da acción eólica. As poucas chuvias débense á presenza do anticiclón ártico, polo que os desertos de xelivación se localizan nas proximidades do Océano Glaciar Ártico. É pois un tipo periglacial seco. O subdominio periglacial de tundra está vinculado a climas máis húmidos, e lixeiramente máis temperados. A xelifracción e a xelifluxión actúan con toda a súa eficacia. A existencia de permafrost permite diferenciar un tipo periglacial húmido. Nos tipos sen permafrost teñen máis importancia os movementos en masa, e non son desprezables os efectos dos fortes ventos. Varios son os estudos do periglaciarismo en Galicia que sosteñen que os depósitos de orixe periglacial aparecen por todo o espazo galego, aínda que os sinais máis nítidos aparecen nas serras orientais como Meira, Os Ancares ou Queixa.

Palabras veciñas

perifrástico -ca | perigar | periglacial | periglaciarismo | Pérignon, Pierre | perigo | perigonial