Pernambuco
Estado do NL de Brasil (98.938 km2; 7.918.344 h [2000]). A súa capital é Recife. Forma parte, no O, do escudo paleozoico brasileiro. O territorio comprende unha faixa costeira de 200 km de largo (Matta), un altiplano inferior (Sertão) e entre as dúas áreas, unha zona intermedia de socalcos (Caatinga). Nas rexións non costeiras o relevo formou as típicas chapadas. Descuberto e explorado en 1500 por Alvares Cabral, en 1534 converteuse nunha das capitanías brasileiras. Foi un dos principais centros produtores de cana de azucre, feito que orixinou un reparto latifundista das terras e unha importación a grande escala de escravos africanos. A abolición da escravitude (1888) destruíu a economía azucreira e en 1889 converteuse en estado federal, pero permaneceu como unha das zonas máis subdesenvolvidas de Brasil.