Pero Garcia Burgalês
Trobador. Activo no terceiro cuarto do s XIII, na corte de Afonso X e probablemente tamén na de Afonso III de Portugal. Pola temática dalgunha das súas composicións, especialmente as dirixidas contra Deus, pensouse na súa orixe hebraica. Os tres cancioneiros principais recollen 52 composicións súas, que amosan a unha gran capacidade innovadora, mesmo no nivel lingüístico xa que empregou neoloxismos e recuperou algunhas expresións arcaicas. Segundo os xéneros, a súa produción divídese en 35 cantigas de amor, como “[A]y mia sennor e meu lum’e meu ben!”, con xogos de rima e o emprego do dobre e da palabra rima. Noutras composicións amorosas, relacionadas co amor cortés, o trobador amósase innovador e transgresor ao revelar o nome da amada, como en “Joana, dix’ eu, [S]ancha e [M]aria”, ou mesmo ao dirixirse a Deus achegándose á blasfemia, como “Nunca Deus quis nulha cousa gram ben”. Tamén é autor de dúas composicións de amigo e trece burlescas, como “Dom’na Maaria [N]egra, ben talhada” e “Maria [B]alteyra, por que [j]ogades”, contra as soldadeiras Maria Negra e Maria Perez a Balteira, respectivamente, “Fernand’ [E]scalho leixei mal doente”, dirixida contra este xograr polas súas malas artes, “Fernam [D]iaz, este que and’ aqui”, onde reflicte a homosexualidade deste persoeiro político, e a sátira literaria “Roy [Q]ueymado morreu con amor”, dirixida contra Roi Queimado por abusar do tópico da morte por amor. Tamén cultivou o partimen e unha tenzón co xograr Lourenço, “Quero que julguedes, Pero Garcia”, que tamén se lle atribúe a Pero Garcia d’Ambroa.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Burgos