Pero Garcia de Ambroa

Pero Garcia de Ambroa

Trobador galego. Activo entre 1228 e 1260, e proveniente dunha familia da pequena nobreza, militou nas tropas de Rodrigo Gomez de Trastámara e estivo relacionado coas cortes de Fernando III e Afonso X. Mencionado nunha doazón ao mosteiro de San Martiño de Xubia (1228), participou na Reconquista nas campañas de Murcia (1244) e Jaén (1246), acompañando a Afonso X. Posteriormente ausentouse da Península coa intención de viaxar a Terra Santa, de onde regresou en 1253. Mantivo unha relación coa soldadeira Maria Perez a Balteira, feito polo que tivo que soportar críticas doutros autores, como Afonso X, Gonçal’Eanes do Vinhal, Johan Baveca, Pedr’Amigo de Sevilha, Pero Gomez Barroso e Vasco Perez Pardal. No seu corpus literario aparecen quince cantigas: unha de amor “Grave dia naçeu, senhor”, en que trata a coita e a morte por amor de forma paródica nunha composición con irregularidades métricas e rítmicas; unha de amigo “Ay, meu amigo, pero vós andades”, en que a namorada, malia saber que non a ama, agradece o cantar que lle dedica; dúas tenzóns “Joham Baveca, fe que vós devedes”, en que lle recrimina a non aceptación dos seus versos, e “Quero que julguedes, Pero Garcia”, co xograr Lourenço e que se disputa a súa autoría con Pero Garcia Burgalês; e once composicións de escarnio e maldicir, como “O que Balteira ora quer vingar”, dirixida contra Maria Perez a Balteira, ou mesmo contra outras soldadeiras, como “Maior Garcia est’omiziada”, pola súa promiscuidade; ademais, devólvelle os ataques a Pedr’Amigo de Sevilha en “Querri’agora fazer hun cantar”, por andar cunha muller maior, a Pero d’Armea en “Pero d’Armea, quando composestes”, contra Pedro Boo en “De Pero Bõo and’ora espantado”, por peideiro, e contra o mestre Nicolao, médico da corte de Afonso X, en “Sabedes vós: Meestre Nicolao” polas súas malas artes.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Ambroa, Irixoa