peronismo
(< antropónimo Juan DomingoPerón)
Movemento socio-político instaurado polo presidente Juan Domingo Perón en Arxentina tras a súa vitoria electoral en 1946. Creou un corpo de leis laborais e sociais moi avanzadas que lle proporcionou un grande apoio da xente e permitiulle organizar un movemento popular que pretendía ser equidistante entre o capitalismo e o comunismo. Coa destitución de Perón (1955) o peronismo continuou como forza, pero aliado a sectores burgueses. Durante a ditadura militar (1966-1973) o movemento dividiuse en múltiples correntes internas. En 1973, co triunfo peronista nas dúas eleccións presidencias, Perón retornou do seu exilio en Madrid, pero a súa rápida morte (1974) entregoulle o poder aos seus seguidores máis reaccionarios e corruptos. Despois da nova ditadura militar (1976-1983), dividido e desprestixiado, o peronismo perdeu as eleccións de 1983 ante a Unión Cívica Radical (UCR) e escindiuse. En plena recuperación, o peronismo derrotou ao UCR nas eleccións lexislativas (1988) e dous anos despois Carlos S. Menem foi elixido presidente da república como líder do Partido Justicialista que aglutinou os peronistas. Mantívose no poder ata 2001. Tras o goberno de Fernando de la Rúa, o peronismo volveu ao poder con Eduardo Duhalde (2002-2003) e Néstor Kirchner (2003), que creou en 1996 La Corriente Peronista, liña interna do Partido Justicialista.