Perú
Estado de América do Sur, que limita ao N con Ecuador e Colombia, ao L con Brasil e Bolivia, ao S con Chile e ao O co Océano Pacífico (1.285.216 km2; 26.347.000 h [estim 2001]). A súa capital é Lima.
Xeografía física
Cómpre distinguir tres grandes rexións: a rexión costeira, a serra e a montaña. A rexión costeira é unha faixa de terras baixas que constitúen as zonas agrícolas máis ricas de Perú. Diante do litoral, en xeral alto e compacto, esténdense unha serie de illotes recubertos de guano. A serra (65% do territorio) está formada por un amplo sector do sistema andino, un complexo de amplos altiplanos, impoñentes macizos e profundos vales. Nos Andes da parte N esténdense tres cadeas principais case paralelas: a Cordillera Occidental (Nevado Huascarán, 6.746 m), a Central e a Oriental, a máis baixa. Ao S están os Andes de Ucayali ou do Apurimac, con dúas cadeas, Occidental e Oriental, entre as que se estende o altiplano de Puna, subdividido por cadeas transversais e vales fondos e encaixados, con profundos canóns de erosión. A Cordillera Occidental, de estrutura compacta, ofrece pasos moi difíciles e comprende cara ao S a área volcánica peruano-boliviana. A Cordillera Oriental está formada por diversas cadeas uniformes, orientadas de NO a SO (Nevado Auzangate, 6.384 m). Polos pasos abertos das cadeas máis orientais corre a rede fluvial do Urubamba e os seus tributarios. A montaña esténdese desde as vertentes orientais da serra ata as fronteiras con Bolivia, Brasil, Colombia e Ecuador. Está formada por terreos aluviais cubertos pola espesa selva pluvial, interrompida ao N polo río Marañón e os seus tributarios. Na parte S os ríos forman o Madre de Dios, afluente do Madeira, tributario tamén do Amazonas. En canto ao clima, cómpre diferenciar cinco zonas: a rexión costeira, de clima desértico oceánico, con forte humidade relativa, precipitacións escasas e néboas frecuentes; a vertente occidental da serra, onde o clima evoluciona cara ao altiplano, con temperaturas máis altas en Perú central; o clima do altiplano que é de montaña, con pluviosidade media e neve; o clima temperado da vertente oriental da serra que pasa cara a un tipo subecuatorial e despois ecuatorial na rexión da selva amazónica, con chuvias abondosas e temperatura cálida. Tres cuartas partes do territorio verten as augas ao Atlántico, por medio do Amazonas, e o resto ao Pacífico e a conca pechada do lago Titicaca. Os ríos do Pacífico son curtos, pero importantes para as obras de irrigación e para que os vales faciliten a penetración cara á serra.
Xeografía económica
Sectores de actividade
Só o 3,2% do territorio está cultivado; prodúcese cana de azucre, patacas, arroz, millo, mandioca, algodón en semente, cítricos e café. Tamén se poden atopar outros cultivos como tabaco, cacao, té, coca (moi importante na montaña) e explotacións gandeiras. A reforma agraria de 1969 fixo diminuír a oposición tradicional entre latifundios e minifundios, e establecéronse comunidades campesiñas na zona andina. A selva amazónica dedícase principalmente á recolección. Do bosque extráese madeira de cedro, palisandro e caoba. Os animais constitúen un bo medio de transporte indíxena (équidos, camélidos andinos), ademais de prover de carne, la, coiros, peles e ovos; fundamentalmente destaca o ovino, aínda que tamén hai bovino, porcino, caprino e aves de curral. Outro recurso importante é a pesca, pola explotación dos grandes bancos de bocarte e sardiña. A riqueza mineral de Perú está pouco integrada na industria, posto que se exportan os minerais en bruto (ferro) ou ben concentrados (cobre). Hai petróleo no N, pero o remanente exportable é pequeno. No NL tamén hai xacementos de gas natural, aínda que máis importantes son as reservas de carbón. En 1984 descubriuse un xacemento de uranio e varios novos de cobre. Tamén hai minas de prata, ferro, chumbo, cinc, ouro, estaño, molibdeno e tungsteno. O incremento da capacidade de consumo e unha forte política proteccionista levaron a un aumento da industria de bens de consumo. Hai industrias alimentarias, de tabaco, téxtiles, químicas e madeireiras, financiadas algunhas por capital estranxeiro, especialmente de EE UU. Lima e Callao son os principais centros industriais. Destaca tamén a siderurxia e a refinaría de ouro, prata e cobre, ademais de cinc e chumbo.
Comunicacións e comercio exterior
Os transportes foron pioneiros, especialmente os ferrocarrís, que son os máis altos do mundo. Das estradas destacan sobre todo dúas: a Panamericana e a Transandina. Os milleiros de km navegables dos ríos están desaproveitados por falta de portos fluviais modernos ata Iquitos. O porto máis completo é o de Callao, que serve á aglomeración de Lima, aínda que por mercancías supérao o de San Nicolás. O aeroporto principal está en Lima. Perú importa bens de equipo, máquinas, manufacturas e outros bens de consumo (trigo e outros cereais, aceite de soia, produtos lácteos), e materias primas, e exporta produtos de base, principalmente minerais, e produtos alimentarios e agrícolas. A balanza resulta favorable, pero a de servizos é tan negativa que incrementa a débeda exterior.
Xeografía humana
A poboación peruana presenta un reparto moi desigual, desde unha alta densidade nas poboadas áreas dos oasis da costa e de Lima ata unha densidade de 0,2h/km2na parte oriental. A pesar das migracións, o sector andino comprende aínda a metade da poboación do país. O incremento demográfico está acelerado, xa que a taxa anual de crecemento é do 17,9‰, aínda que está diminuíndo. A migración deu lugar a un forte desenvolvemento urbano, cunha gran concentración na capital. A xuventude da poboación urbana fai que as dúas terceiras partes do crecemento da aglomeración proveñan dunha alta natalidade e só o terzo restante da inmigración. Ademais de Lima, os centros urbanos principais son Arequipa, Callao, Chiclayo e Trujillo.
Sociedade e goberno
Diversidade étnica e cultural
O grupo étnico máis numeroso son os quechuas (47,1%), seguidos dos mestizos (32%), os crioulos (12%) e os aimarás (5,4%). O castelán é o idioma oficial, aínda que tamén se recoñecen o quechua, o aimará e as demais linguas aborixes nas zonas onde predominen. En canto á relixión, o 89,2% dos peruanos profesan o catolicismo, seguidos dos protestantes (6,6%) e dos que practican outras relixións (4,2%).
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúa a Perú entre os países cun medio desenvolvemento humano (ocupa o 82º posto cun índice do 0,752). Este indicador ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 67 anos para os homes e de 71 anos para as mulleres; o índice de alfabetización de adultos é do 90,2% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 83%; e o PNB real por habitante é de 2.130 $.
Goberno e política
Antiga colonia española, independizouse o 28 de xullo de 1821. É unha república unitaria de tipo presidencial. Segundo a Constitución, que entrou en vigor o 31 de decembro de 1993, o poder lexislativo reside nun órgano unicameral denominado Congreso de la República e formado por 120 membros, elixidos por sufraxio universal cada cinco anos, igual ca o presidente da república que exerce o poder executivo. O sistema xudicial baséase no dereito europeo continental, a pena de morte está abolida desde 1979 e non acepta o Tribunal Internacional de Xustiza da Haia. Conta cunha Corte Suprema de Justicia e os xuíces son designados polo Consejo Nacional de la Judicatura. As principais forzas políticas son: os personalistas Perú Posible (PP) e Cambio ‘90-Nueva Mayoría (C90), o de centro esquerda Alianza Popular Revolucionaria Americana (APRA), os conservadores Unidad Nacional (UN) e Acción Popular (AP), o centrista Unión por el Perú (UPP), e o relixioso e agrario Frente Popular Agrícola del Perú (Frepap). Tamén existen outros partidos minoritarios como Frente Independiente Moralizador (FIM), Somos Perú (SP), Solución Popular (SP), Todos por la Victoria (TV), Proyecto País (PrP) e Renacimiento Andino (RA). Forma parte da Organización dos Estados Americanos (OAS) e da ONU.
Historia
O período precolombino
As culturas precolombinas peruanas tiveron unha serie de características comúns: agricultura intensiva rica en recursos técnicos, gandaría, unha arte e unha técnica téxtiles moi avanzadas, organización social e económica, estado centralizado e unha relixión de deuses celestiais, xenios e espíritos locais, e tamén determinados símbolos. A primeira das súas culturas foi a de Huaca Prieta (2500-1500 a C) e, despois dun período formativo (1250-850 a C), a cultura de Chavín (850-550 a C) representou o paso cara ao Neolítico agrícola, perfeccionado durante o período experimental (550-350 a C), cando aparece o regadío a grande escala, as fortificacións e os primeiros núcleos urbanos; os centros máis importantes foron Paracas-Cavernas ou a cultura de Gallinazo, no val do río Virú. A evolución desta etapa neolítica orixinou a cultura Nazca e a dos mochicas (300 a C-500 d C), moi perfeccionadas, pero sen unidade política. Entre o 500 e o 1000 xurdiu no altiplano a cultura de Tiahuanaco, que se destacou polas súas construcións megalíticas, e entre o 1000 e o 1400 desenvolveuse nos vales costeiros do N, sobre a antiga cultura mochica, un período urbanístico ou cultura chimú. Creáronse cidades reino cunha ríxida organización social e avanzadas técnicas de construción. No s XV os chimús triunfaron na creación dun imperio en Perú setentrional. Simultaneamente ao imperio creado polos chimú, xurdiu nos Andes o Imperio Inca (1438-1532), que manifestou a súa enorme importancia na súa expansión, -con Túpac Inca Yupanqui- máis alá das fronteiras de Perú, chegando a ocupar a metade de Chile, o altiplano boliviano e as selvas amazónicas; ao estenderse, derrotou e absorbeu os chimú e as culturas meridionais. Caracterizouse por unha avanzada organización social, política e militar, e polas súas construcións; pola contra, a súa artesanía era moi inferior á das culturas anteriores. Huayna Cápac consolidou o imperio, pero á súa morte, este dividiuse entre os seus fillos, Atahualpa e Huáscar, cuxas desavinzas foron aproveitadas polos colonizadores españois para facerse co dominio dos territorios incas.
O descubrimento e a colonización
En 1524, o conquistador Francisco Pizarro asociouse a Diego de Almagro e ao clérigo Hernando de Luque e organizou desde Panamá a conquista de Perú (1524). Aproveitando os conflitos civís dos incas, Pizarro conquistou o seu imperio (1531-1535), ordenou a execución de Atahualpa (1533), estableceu un réxime colonial e fundou Lima (1535). Aínda que durante os primeiros tempos de dominación o Imperio Inca mantivo os seus monarcas, esta resistencia rematou coa morte de Túpac Amaru I (1572), último descendente da súa dinastía. No entanto, a situación para os casteláns tamén foi conflitiva. O dominio da rexión de Cuzco motivou a primeira das cinco guerras civís (1538-1554) que enfrontaron a Pizarro e Almagro, aos seus fillos, aos encomendeiros casteláns que se opuxeron ás novas Leis de Indias de 1542 e ás forzas reais do vicerrei Blasco Núñez Vela. Desde 1551 Perú converteuse no segundo vicerreinado castelán en América, pacificado e organizado totalmente baixo o mandato do vicerrei Francisco de Toledo (1569-1581). Xa saqueado o Imperio Inca, a economía colonial orientouse cara á produción mineira de metais preciosos, aínda que, a mediados do s XVII, esgotadas as vetas de prata, o vicerreinado caeu nunha profunda decadencia. Só o aparato burocrático e o feito de ser Lima o centro comercial obrigatorio de toda América do Sur salvou o Perú colonial da desintegración. A reorganización administrativa do s XVIII foi aplicada principalmente polo vicerrei Manuel d’Amat e o sector mineiro puido recuperarse, pero as autoridades coloniais tiveron que se enfrontar a novas revoltas indíxenas, -como a liderada por Túpac Amaru entre 1780 e 1781- e á crecente competencia comercial da conca do Río de La Plata e dos portos venezolanos. Estas guerras identificaron a causa emancipadora coa revolta social, o que ligou as clases altas ao poder colonial.
Da independencia ás Guerras do Pacífico
O movemento independentista de principios do s XIX chegou a Perú a través da presión emancipadora de Arxentina, Chile e Colombia. En 1821, o xeneral José de San Martín, ao mando dun exército arxentino-chileno, ocupaba Lima e proclamaba (28 de xullo) a independencia de Perú. Un ano despois, unha xunta liberal presidida por José de La Mar proclamaba a república, que se amosou desde os seus inicios moi inestable polas disputas internas, o intervencionismo de Simón Bolívar e a presenza dos grupos realistas; só unha campaña fulminante do xeneral Antonio José de Sucre no Alto Perú e as vitorias de Junín e Ayacucho, en 1824, eliminaron os restos do vicerreinado colonial. Aínda así, Sucre permitiu que o Alto Perú se constituíse en república independente (Bolivia), mentres que Bolívar fallou no seu intento por crear unha república xunto con Colombia e Bolivia (1827). En 1836, o presidente boliviano Andrés de Santa Cruz impuxo a unión con Perú na Confederación Peruano-Boliviana. A guerra contra Chile (1837-1839) derrocou a ditadura de Santa Cruz, pero, en lugar de asumir o goberno os rexeneracionistas peruanos, Chile deu o seu apoio ao xeneral Agustín Gamarra (1839-1841), vencido polos bolivianos. A estabilidade política non chegou ata 1845, co goberno de Ramón Castilla, que conseguiu a reconciliación entre rexeneracionistas e oligarcas, -fundamentada en gran parte na explotación do guano desde mediados do s XIX-, aboliu a escravitude e aprobou unha constitución liberal (1860). A unha notable expansión económica e modernización do país, opúxoselle o sometemento do estado aos intereses británicos, o atraso das rexións montañosas e o mantemento dos latifundios. A forte crise económica motivada polo esgotamento do guano e a persistente negativa dos peruanos a satisfacer a débeda que contraeran con España, motivou a intervención española nas illas Chincha, -produtoras de guano-, que desencadeou a Primeira Guerra do Pacífico (1864-1866). Coa participación e apoio de Chile, Ecuador e Bolivia, os peruanos conseguiron derrotar as forzas españolas en 1866 e firmaron a paz en 1871. En 1879 estoupou a Segunda Guerra do Pacífico (1879-1883) entre Perú e Bolivia dunha banda, e Chile da outra. A derrota peruano-boliviana tras a ocupación chilena de Lima e o Tratado de Ancón (1883) significou a apropiación polos chilenos das ricas provincias salitreiras do S de Perú e a perda da saída ao mar para Bolivia.
As ditaduras militares
Como a burguesía era incapaz de resolver a situación, o exército ocupou o poder (1884-1886) e conseguiu unha certa recuperación económica grazas á cesión dos ferrocarrís ao capital británico, ás minas de Junín e a unha reformulación da agricultura. En 1895, unha sanguenta reacción da burguesía dirixida por Nicolás de Piérola fixo volver aos civís ao poder, pero os militares regresaron con Augusto B. Leguía (1919-1931), que instaurou unha ditadura progresista, coñecida como Patria Nueva. Mentres, a penetración estadounidense acelerábase rapidamente e producíase un boom económico fiticio, aumentaba a resistencia da oligarquía de Lima e das clases populares, canalizada pola Alianza Popular Revolucionaria Americana (APRA) -fundada en 1924 por Raúl Haya de la Torre- no campo e polos comunistas nas zonas industriais. A crise mundial de 1929 afundiu outra vez a economía peruana e provocou a caída de Leguía. Aínda así, os militares retiveron o poder co apoio da oligarquía e perseguiron aos seguidores da APRA. A presidencia de Manuel Prado y Ugarteche (1939-1945), representante da oligarquía da capital, coincidiu cunha onda expansiva económica provocada pola Segunda Guerra Mundial. En 1945, unha coalición conservadora gañou as eleccións, pero en 1947-1948 os sectores máis reaccionarios recuperaron o poder co xeneral Manuel Odría á fronte. A axuda estadounidense favoreceu unha nova etapa de prosperidade entre as clases altas e en 1956 Odría permitiu a celebración dunhas eleccións xerais, en que resultou reelixido M. Prado, cuxo reformismo se afundiu pola recesión económica da segunda metade da década de 1950. A dependencia de Perú dos EE UU aumentou e volveron os conflitos sociais. Nas eleccións de 1962 houbo un empate entre os reformistas de Acción Popular (con Fernando Belaúnde Terry) e os populistas da APRA (con Haya de la Torre), roto por un golpe de estado militar do xeneral Ricardo Pérez Godoy, ata que en 1963 Belaúnde Terry gañou as novas eleccións e iniciou unha tímida reforma agraria co fin de frear a axitación campesiña, constante desde 1956. A oposición de apristas (partidarios do APRA) e conservadores, a corrupción administrativa, a crise económica e a presenza de guerrillas nos Andes provocaron en 1968 un golpe de estado por parte da á progresista do exército que situou ao xeneral Juan Velasco Alvarado na presidencia. Velasco iniciou un período fortemente nacionalista que limitou a penetración estadounidense en Perú e acelerou a reforma agraria. En 1975 un novo golpe de estado outorgou a presidencia ao xeneral Francisco Morales, que decantou o réxime militar cara a unha política máis conservadora e proestadounidense.
O triunfo da Alianza Popular Revolucionaria Americana (APRA)
As eleccións celebradas en 1978 déronlle unha maioría de votos á APRA e ao Partido Popular Cristiano, e ese mesmo ano excarcerouse a todos os presos políticos. En 1980 entrou en vigor unha nova constitución e celebráronse eleccións, que levaron de novo á presidencia a F. Belaúnde Terry. O novo goberno aplicou un programa de liberación económica e enfrontouse á actividade terrorista do grupo maoísta Sendero Luminoso, que intensificou as súas actuacións nestes anos, ao igual que o Movemento Revolucionario Túpac Amaru (MRTA). Os abusos das forzas armadas nas operacións de represión contra Sendero Luminoso motivaron o descontento dunha gran parte da poboación, de xeito que as eleccións de 1985 deron a maioría á APRA, cuxo novo presidente, Alan García Pérez, forzou a dimisión de numerosos cargos militares. Aínda que García controlou as importacións e favoreceu os investimentos estranxeiros, foi incapaz de reducir a inflación, polo que foi derrotado nas eleccións municipais polo FREDEMO (Frente Democrático), unha coalición de partidos de dereitas cun programa ultraliberal, dirixidos polo escritor MarioVargas Llosa, que, malia isto, perdeu nas eleccións xerais de 1990 ante Alberto Fujimori.
O período Fujimori
O programa inicial de goberno de Fujimori tiña como obxectivos primordiais deter a hiperinflación e conseguir de novo a confianza dos prestamistas internacionais. Pero as dificultades económicas non se superaron e as actividades violentas ligadas á organización terrorista Sendero Luminoso e ao Movimiento Revolucionario Túpac Amaru incrementáronse durante estes primeiros anos de mandato. En 1992 Fujimori deu un “autogolpe” co apoio dos militares, disolveu o Congreso e suspendeu a constitución. Iniciou entón unha política de privatización de empresas estatais, así como unha dura loita antiterrorista; deste xeito, membros de Sendero Luminoso, entre eles o seu fundador Abimael Guzmán, foron detidos e condenados. En outubro de 1993 aprobouse en referendo unha nova constitución, en que se reformaba o poder lexislativo e se incrementaba o poder do presidente, o que lle permitía presentarse novamente ás eleccións de 1995, que gañou cunha importante maioría. O 17 de decembro de 1996 un pelotón do MRTA asaltou a embaixada xaponesa e retivo a un importante número de reféns para facer presión sobre o goberno para a excarceración de todos os membros do MRTA que estivesen na cadea. Pero Fujimori optou por unha solución de forza e catro meses despois o exército peruano asaltou a residencia, liberou os reféns e matou os guerrilleiros. Ese mesmo ano aprobouse unha lei que lle permitía presentarse a unhas novas eleccións presidenciais e, malia a declaración de inconstitucionalidade da mesma, das acusacións de autoritarismo e de violación dos dereitos humanos, das múltiples protestas populares e da unión da oposición no Bloque Parlamentario de Oposición Democrática, Fujimori, -líder do partido Cambio’90-Nueva Mayoría-, conseguiu renovar por terceira vez a presidencia, nunhas eleccións (abril de 2000), cualificadas como pouco transparentes. Un ano antes conseguira a detención dun dos principais dirixentes de Sendero Luminoso, Óscar Ramírez Durand. A finais de 2000, os medios de comunicación fixeron pública unha ampla rede de corrupción que implicaba a policías, altos cargos e a un dos homes de confianza de Fujimori, Vladimir Montesinos, polo que o presidente abandonou o país e instalouse en Xapón.
A restauración da democracia: o goberno de Alejandro Toledo
Despois da fuxida e a comunicación de abandono da presidencia por parte de Fujimori, así como da dimisión dos seus vicepresidentes, Valentín Paniagua, -do partido centrista de Acción Popular-, xurou como presidente constitucional e convocou eleccións presidenciais e parlamentarias para abril de 2001, en que saíu vencedor Alejandro Toledo, do partido Perú Posible, que, xunto coa presidencia, herdou unha difícil situación económica, política e social. O seu programa de goberno tiña como obxectivos primordiais a introdución das linguas incas no ensino, a dinamización da demanda interna, a redución do paro e a creación dunha comisión de investigación (Comisión de la Verdad) destinada a investigar os crimes cometidos durante a guerra sucia contra Sendero Luminoso. Pero desde o comezo do seu mandato, Toledo aprobou a privatización das empresas de electricidade, feito que ocasionou importantes folgas nacionais e uns disturbios que levaron a proclamar o estado de emerxencia durante trinta días, en maio de 2003. Así mesmo, pola presión de EE UU, profundizou na política de erradicación do narcotráfico, reforzando especialmente a vixilancia aérea na fronteira con Colombia, e optou firmemente pola erradicación gradual do cultivo de coca, propoñendo aos campesiños o desenvolvemento de cultivos alternativos. A crise política e económica en que se sumiu o país, ocasionou a perda de apoio electoral ao goberno nas eleccións municipais e rexionais, así como a dimisión do primeiro ministro L. Solari, que foi substituído por Beatriz Merino, e esta, á súa vez, por Carlos Ferrera Costa en decembro de 2003.