pescada
(
-
[ANIMAL/ICT]
-
s
f
Peixe osteíctio, do xénero Merlucius, que pertence á familia dos merlúcidos. Presenta un corpo alongado e cuberto de pequenas escamas. A cabeza é grande, igual ca a boca, que está provista de dentes pequenos e moi afiados. Os dentes da mandíbula superior son fixos, mentres que os da inferior poden inclinarse cara a atrás, de forma que facilitan a entrada do alimento e se opoñen á súa saída. A primeira aleta dorsal é moi curta, mentres que a segunda se estende ao longo de case o resto do corpo. A aleta anal é tamén moi longa, oposta e case igual á segunda dorsal. É un peixe bentónico que vive en zonas de bancos de area e sobre o noiro continental, en augas por debaixo dos 15°C e cunha salinidade comprendida entre o 31 e o 34,5%. Presenta dous tipos de migracións: unha vertical, de ritmo diario, e outra horizontal, de ritmo estacionario. Durante o día permanece preto do fondo e durante a noite desprázase cara a augas medias ou superficiais para alimentarse. Nas migracións estacionais, en tempos cálidos, trasládase desde altas latitudes e dentro de áreas costeiras; en estacións frías volve ás baixas latitudes dentro de augas profundas. Son peixes carnívoros en xeral, aínda que a súa alimentación varía segundo o tamaño do individuo. Así, as larvas e as crías aliméntanse de organismos planctónicos e crustáceos, principalmente copépodos, mentres que os adultos se alimentan fundamentalmente doutros peixes e luras. Rexístranse casos de consumo de exemplares de menor tamaño da mesma especie, polo que se constantan hábitos de canibalismo, que teñen a súa orixe no carácter migratorio e a amplitude das áreas de distribución. O papel que desempeña o canibalismo dentro da súa dieta varía en función da especie, para algunhas dominante e para outras non. En canto ao ciclo reprodutivo, cando chega a primavera ou o verán, aínda que a maioría das pescadas teñen unha época de desova prolongada e outras o fan ao longo do ano, prodúcese unha concentración de machos e femias en zonas pouco profundas, onde ten lugar a fecundación. Está distribuída en amplas zonas, sobre todo as costas de África, América do N e do S, e Nova Zelanda, nos océanos Atlántico, Pacífico, Índico e o Mar Mediterráneo.
Sinónimos: merluza, pixota. -
pescada americana/prateada [Merluccius bilinearis, Fam dos merlúcidos]
ive entre Cabo Cod, Massachusetts (EE UU) e cabo Sable, Nova Escocia, Canadá. Péscase, tanto na súa forma larvaria como adulta, nas costas de Baixa California (México) e de California (EE UU).
-
pescada arxentina [Merluccius hubbsi, Fam dos merlúcidos]
Peixe osteíctio, de ata 90 cm as femias adultas e 60 cm os machos. Presenta corpo alongado e lixeiramente comprimido, cuberto de escamas cicloides, de mediano tamaño, que se desprenden facilmente. A cabeza é máis pequena ca no resto das pescadas. A primeira aleta dorsal presenta raios duros, a segunda unha base ampla e bilobulada, e a aleta caudal remata nunha liña recta nos adultos. É de cor gris clara na cabeza e dorso, branca na zona ventral, con reflexos dourados por todo o corpo. As aletas dorsais, peitorais, caudal e o terzo posterior da anal teñen cor gris escura, e os dous terzos anteriores da anal e das ventrais son transparentes. Habita en zonas que van desde Brasil ata o S de Arxentina, en profundidades comprendidas entre os 50 e 500 m, cunha profundidade media duns 200 m. Tolera un rango de temperatura de entre 3 e 18°C, cun óptimo comprendido entre 5 e 10°C. Fundamentalmente é pescada pola frota de altura, que emprega redes de arrastre de fondo. É a base da industria pesqueira arxentina.
-
pescada austral [Merluccius australis, Fam dos merlúcidos]
Peixe que presenta corpo alongado de ata 118 cm nas femias e 105 cm nos machos. A parte dorsal iníciase cun aplanamento na cabeza ata a altura da metade das órbitas e logo elévase para facerse lixeiramente convexo en toda a súa extensión. Presenta cabeza robusta e boca grande que se estende ata case o extremo das órbitas. Posúe dentes en mandíbulas e vómer; os das mandíbulas en dúas series, máis fortes os da mandíbula superior ca os da inferior. As escamas son pequenas e implántanse debilmente sobre a pel, polo que se desprenden con facilidade. É de cor gris prateada, máis escura no dorso e máis clara na rexión ventral. Aliméntase doutros peixes e crustáceos, e reprodúcese entre finais do inverno e comezos da primavera. É unha especie relativamente lonxeva (ata 24 anos en femias e 20 anos en machos). Para a súa captura a frota de altura emprega redes de arrastre. É propia das augas de América do Sur e de Nova Zelanda.
-
pescada chilena [Merluccius gayi, Fam dos merlúcidos]
Pescada que presenta corpo alongado e fusiforme, coa cabeza esmagada e grandes órbitas. É de cor gris prateada, máis escura no dorso e con tons brancos no ventre. Vive nos mares que van desde o N de Perú ata o S de Chile.
-
pescada de Senegal/negra [Merluccius senegalensis, Fam dos merlúcidos]
Pescada que vive en profundidades comprendidas entre os 18 e os 500 m. Aliméntase fundamentalmente de pequenos peixes, crustáceos e cefalópodos. A desova ten lugar entre os meses de xaneiro e marzo. A súa cor negra ou moi escura do lombo e dos laterais diferénciana do resto das pescadas. Vive nas costas de Senegal.
-
pescada do Pacífico [Merlucius productus, Fam dos merlúcidos]
Pescada en que a desova peláxica das femias depende do seu tamaño (pode chegar a ser de 50.000 a 80.000 ovos por femia). O seu crecemento é relativamente rápido, especialmente durante os primeiros anos de vida. Poden chegar a vivir arredor dos 15 anos, en fondos oceánicos e zonas costeiras, en profundidades que poden chegar aos 1.000 m. Distribúense polas costas do Pacífico setentrional.
-
pescada europea [ingl: hake] [Merluccius merluccius, Fam dos merlúcidos]
Peixe osteíctio, da orde dos gadiformes, que poden acadar os 180 cm de lonxitude, aínda que é moi raro que sobrepase os 100 cm. Presenta corpo fusiforme, alongado, pouco comprimido lateralmente, de sección redondeada e cuberto de escamas caducas e pequenas. A cabeza é aguda e alongada, anteriormente deprimida por unha fosa que se sitúa na parte anterior, bordeada por cristas frontais que conflúen noutra occipital. A boca é grande e oblicua, e presenta maxilares con dentes agudos e pequenos en dúas ou tres series, dos que a serie interna son de maior tamaño. Os da mandíbula superior son fixos, mentres que os da inferior poden inclinarse cara a atrás, de forma que facilitan a entrada das presas na boca e se opoñen á súa saída. Posúen vómer con dentes e palatino sen eles. As dúas aletas dorsais están separadas unha da outra por un espazo relativamente grande; a primeira é máis curta e alta ca a segunda, e só presentan unha aleta anal que é oposta e escotada e máis curta ca a dorsal segunda. As aletas peitorais son arredondadas e ben desenvoltas, e as pélvicas presentan unha lonxitude moi semellante a estas. A liña lateral é horizontal na parte posterior e corcovada na anterior. É de cor gris escura con pintas negras, ventre e flancos prateados. A parte dorsal e lateral cefálica é máis escura ca o resto do corpo. As aletas dorsais son de cor gris e transparentes, como a anal branca. A caudal é negra e as peitorais dunha cor próxima ao negro, como o interior da boca e dos opérculos. Vive a maior parte do tempo nas marxes da plataforma continental, entre os 70 e os 370 m de profundidade (pode chegar aos 1.000 m). As crías están en zonas menos fondas e os adultos nas máis profundas. No verán achégase máis á costa. Xeralmente está no fondo, aínda que pola noite sobe á superficie para buscar alimento, que varía segundo a idade e a dispoñibilidade de comida. As crías nútrense de crustáceos, mentres que os adultos se alimentan principalmente de peixes (xardas, bocartes, arenques e xurelos). Rexistrouse incluso o consumo de exemplares de menor tamaño da mesma especie, polo que se constatan certos hábitos de canibalismo. En canto á reprodución, son peixes peláxicos que se aparean entre o final do inverno e a primavera, momento en que se produce unha concentración de machos e femias en zonas pouco profundas e escasas de alimento. O período de desova é prolongado e varía coa poboación. Os ovos e larvas son planctónicos ata que acadan o estado de xuvenil, momento en que marchan preto do fondo, onde están os adultos. As femias acadan a madureza aos dous anos e os machos aos tres; esta primeira fase caracterízase por un crecemento moi rápido que continúa cun período -ata os 7 anos-, onde se acentúa, para facerse case nulo en diante. Unha vez ten lugar a reprodución, avanzan a zonas moito máis ricas en alimento co fin de acumular as reservas precisas para o seu crecemento e reprodución. Poden vivir ata 20 anos. A pescada europea é un peixe que se xunta en cardumes relativamente numerosos, feito que propiciou o desenvolvemento de importantes pesqueiras en diversos lugares do mundo. Distribúese polo Mar Mediterráneo, o Báltico e o Atlántico oriental, desde Marrocos ata Islandia e Noruega.
-
pescada surafricana/do Cabo [Merluccius capensis, Fam dos merlúcidos]
Pescada que presenta o lombo de cor prateada con tons marróns e ventre claro. As escamas son de maior tamaño ca no resto das pescadas. Vive nas augas do sur de África e na zona meridional de África.
-
s
f
-
pescada negra
[ANIMAL/ICT]
Peixe mariño óseo que pode acadar ata 150 cm de lonxitude. Presenta o corpo alongado e comprimido, con dentículos agudos na marxe preocular e cunha soa aleta dorsal longa e unha aleta caudal gallada. É de cor gris chumbo con puntos amarelos ou azuis, e coa rexión ventral prateada. É unha especie peláxica que vive preferiblemente na superficie, aínda que se pode localizar tamén en grandes profundidades. Aliméntase de pequenos peixes, augamares e anélidos.