pesca
(
-
[PESCA]
-
pesca fluvial
Pesca que se practica nas augas continentais. Xurdiu como un medio de subsistencia, pero co tempo deixou de ser tal nalgúns países para converterse nunha actividade lúdica e deportiva. Galicia ten unha elevada fauna fluvial, que se viu reducida nos últimos tempos polo efecto da contaminación e pola construción de minicentrais e encoros. Entre as especies máis importantes destacan o salmón, a troita, a lamprea, a angula, o reo, a anguía, a perca, a robaliza, o barbo, etc. Algunhas destas especies non son estritamente fluviais, senón que pasan algúns períodos do seu ciclo vital no mar, como por exemplo o salmón. A captura de peixes de río está regulada, polo que é necesario para exercer tal actividade estar en posesión dunha licenza de pesca, aínda que non autoriza a pescar en calquera lugar, xa que hai zonas de pesca controlada que necesitan dun permiso especial, e outras zonas onde está totalmente prohibida. Ademais, algunhas especies como a troita, teñen un período de veda en que non poden ser capturadas. Outra modalidade é a pesca sen morte, que devolve o peixe á auga, tentando danalo o menos posible. Dada a escaseza de peixes, en moitos ríos leváronse a cabo programas de solta para repoboalos, aínda que por mor da contaminación tiveron escaso éxito; ademais, estas repoboacións realizáronse con especies non autóctonas, o que provocou que, cando se repoboaban con especies autóctonas, estas tiñan unha gran competencia coas foráneas.
-
f
s
Actividade económica que consiste na captura de peixes ou doutros animais vivos da auga, e que ten como obxectivo o consumo humano ou a venda como materia prima para diversas industrias.
Orixe e evolución histórica da pesca
Non se pode establecer unha data concreta para a orixe das actividades pesqueiras, vinculadas desde a súa aparición ás prácticas de explotación do medio desde o Paleolítico. Na Idade de Pedra apareceron os primeiros rexistros que indican a existencia de actividades marisqueiras, xunto con aparellos para a pesca. Orixinalmente, esta actividade estaba ligada ao autoabastecemento das poboacións que se estableceron nas beiras e desembocaduras dos ríos e na costa por mor das dificultades para conservar o peixe. Na Idade do Bronce hai constancia da existencia dun certo comercio pesqueiro local e das melloras nos utensilios pesqueiros. A expansión das culturas ligadas ao Mediterráneo (fenicios, gregos e cartaxineses) permitiu o desenvolvemento das actividades pesqueiras e a aparición do comercio nun ámbito máis amplo. Ademais as novas prácticas de conservación, como o secado, permitiron o transporte do peixe a longas distancias. O posterior dominio dos romanos sobre o Mediterráneo, que impuxeron a orde sobre os grupos de piratas, permitiulles controlar e impulsar o comercio e desenvolver as prácticas pesqueiras a unha nova escala. A caída do Imperio Romano supuxo un retroceso no comercio e na pesca, feito que provocou unha fragmentación política do Mediterráneo, froito das actividades dos pobos bárbaros e do islam, e unha maior inseguridade nos mares pola pirataría. Os pobos bárbaros, que se asentaron nos territorios do Imperio Romano, desenvolveron a agricultura en detrimento do sector pesqueiro. Malia que se supón que a pesca continuou desenvolvéndose a escala local neste período, desde o s XI comezou un rexurdimento do comercio en diferentes puntos de Europa, e apareceron portos comerciais pesqueiros ao longo da costa atlántica. Nesta época incrementaron a súa actividade en Galicia diversos portos pesqueiros, como os de Pontevedra e Noia, que dependían do arcebispado compostelán, e A Coruña. Durante a Idade Media produciuse tamén unha mellora nas embarcacións, perfeccionáronse as técnicas de conservación dos alimentos (salgado ou afumado), xurdiron as confrarías de pescadores, e os gremios de mareantes regularon os caladoiros e os períodos de pesca. As principais especies comerciais eran o arenque, no norte, e a sardiña, no sur. As dificultades para o transporte do pescado fresco limitaba a súa área de comercialización ás zonas costeiras, mentres que no interior a única forma de obter peixe fresco era a pesca nos ríos, de grande importancia. A pesar do aumento do comercio, os mares seguían a ser moi inseguros; ademais producíanse numerosos enfrontamentos bélicos entre os reinos, e a carencia dunha mariña de guerra propia obrigaba ao emprego de embarcacións pesqueiras e comerciais nas diversas loitas, feito que limitaba a actividade pesqueira. Desde o comezo da Idade Moderna, Holanda converteuse nunha potencia pesqueira da Europa do N. A incidencia das guerras provocou oscilacións da produción que se prolongaron ata o s XVIII, cando o sector acadou unha maior profesionalización. A Revolución Industrial permitiu a extensión de importantes melloras neste sector e, xunto coa invención de novas artes de pesca e o desenvolvemento das industrias conserveiras, apareceu unha pequena industria de produción de redes e xeo vinculada ao sector pesqueiro, feito que facilitou o transporte de mercadorías a maiores distancias sen a perda das súas propiedades e frescura. Durante o s XIX comezou a ter importancia a protección dos inmaturos e a preocupación pola sobrepesca e as súas posibles consecuencias, pero non foi ata o s XX cando se comprobou a importancia da regulación das pesqueiras.
A pesca no mundo
Tras a Segunda Guerra Mundial creáronse unha serie de comisións e organismos internacionais para a regulación das zonas de pesca, pero isto non foi impedimento para que houbera conflitos entre os diferentes estados sobre a explotación de determinadas especies nalgúns caladoiros. Un exemplo disto foi a problemática que houbo entre Reino Unido e Islandia polo bacallau a mediados do s XX. Unha das consecuencias da regulación xurídica internacional foi a creación e a xeneralización das 200 millas de augas xurisdicionais que provocou o aumento da área para faenar das frotas locais en detrimento das frotas dos grandes países pesqueiros, que foron expulsadas destas áreas onde pescaban tradicionalmente. Isto foi beneficioso para aumentar as capturas dos países en vías de desenvolvemento. Nos primeiros anos da década de 1990, máis do 50% das capturas pesqueiras mundiais foron realizadas polas frotas de cinco países: China, Chile, Xapón, Perú e EE UU; especialmente a chinesa, unha gran potencia pesqueira mundial do s XX e comezos do XXI, con 17 millones de t en capturas (2000). Entre os principais países exportadores destaca Noruega, seguida de China, e é notable o aumento de exportacións en países como Chile e México. Por outra banda, dos países que realizan máis importacións hai que destacar Xapón, seguido por EE UU e a UE. Respecto á frota pesqueira, cómpre salientar que experimentou un crecemento importante nos últimos anos, sobre todo nos países asiáticos, onde predominan as embarcacións de pesca de altura. En termos de capturas, o s XX tamén supuxo un aumento nas toneladas de especies capturadas, que supera os 126 millóns en 1999; do total da produción, o 78% corresponde a especies mariñas e o resto ás de augas continentais. En canto ás especies capturadas, a sardiña é a que presenta maior cota mundial, seguida dos túnidos, os camaróns e os escualos, estes últimos moi importantes nos países asiáticos.
A pesca en España
Durante a segunda metade da década de 1980 e principios da de 1990, a industria pesqueira española adaptouse á nova realidade derivada da adhesión de España á UE. A produción pesqueira correspondente ao sector extractivo descendeu, pero o valor económico aumentou como consecuencia basicamente de que unha gran parte das capturas foron especies de alta calidade ou moi apreciadas polos consumidores e polo constante incremento de prezos. A entrada de España na UE provocou de forma progresiva un desequilibrio na balanza comercial dos produtos pesqueiros, se ben o aumento dos intercambios beneficiou as exportacións, as importacións incrementáronse de forma espectacular tanto en volume como en valor. A estrutura da frota española adecuouse, de forma activa, ás dispoñibilidades existentes en cada caladoiro. Nos caladoiros nacionais a plataforma é rica pero estreita, polo que gran parte da frota opera en augas doutros países e internacionais. O 80% da produción pesqueira española destínase ao consumo humano, e del un 62% consómese conxelado ou salgado. A frota de baixura ofrece o peixe fresco procedente dos caladoiros próximos: peixes como a pescada, o rapante, o rape, o ollomol, o linguado, etc; marisco como cigalas, gambas, lagostas, etc; cefalópodos como a lura, a xibia, o polbo, etc; e peixe azul como a sardiña, a anchoa, o xurelo ou o atún. A subministración de peixe conxelado provén de diferentes zonas: a pescada do Atlántico meridional; os cefalópodos da zona subsahariana e Atlántico meridional; as gambas e lagostinos de Senegal, Moçambique e Angola; os túnidos do Atlántico, Índico e Pacífico; e o bacallau salgado do Atlántico setentrional. Existe unha alta concienciación cara á conservación e rexeneración dos recursos; deste xeito, estanse creando reservas mariñas e arrecifes artificiais. Hai que destacar a acuicultura extensiva mediante a implantación de instalacións de produción de peixes e moluscos, sobre todo en estruturas flotantes, en especial, o cultivo do mexillón en bateas cun crecemento espectacular nas rías galegas.
A pesca en Galicia
A característica que motiva o desenvolvemento do sector pesqueiro galego é a riqueza de recursos e a súa situación xeográfica. A capacidade de produción en praias e augas próximas é alta en moluscos como mexillóns, berberechos, ameixas e ostras, e relativamente importante en peixes como a sardiña, o xurelo e a pescada. Malia que existe un obstáculo moi importante como é a estreiteza da franxa de plataforma continental, que é o hábitat preferente de numerosas especies, a situación xeográfica vese favorecida pola existencia de portos naturais e rías que constitúen o ambiente ideal para o crecemento de moitas especies. Ademais, a súa localización, con facilidades para internarse no Atlántico e a súa proximidade aos bancos pesqueiros europeos, fai que se desenvolva a pesca de altura e grande altura nos portos galegos. Estas características fan da pesca un dos principais sectores da economía galega, xa que representa un 10% do PIB en Galicia. Pola súa propia natureza, é unha actividade que non pode distribuírse por igual ao longo e ancho da Comunidade, senón que ten que circunscribirse á franxa costeira. Por iso, a importancia relativa da pesca para algunhas poboacións da costa é moi superior á global. É base de múltiples ramificacións en actividades industriais e de servizos; abrangue aspectos sociais, económicos, biolóxicos, xurídicos e legais, que afectan ao medio mariño e aos seus recursos, á frota, ao marisqueo, á acuicultura, aos portos, aos estaleiros, á rede auxiliar do sector naval, á industria (conserveira e conxeladora), aos transportes, aos establecementos de comercialización, á hostalaría e á educación e investigación. Segundo os datos anteriores, o 12,2% dos empregos de Galicia dependen, directa ou indirectamente, da actividade pesqueira, con case 120.000 postos de traballo, que converten esta comunidade na máis dependente do sector pesqueiro dentro de Europa. As actividades relacionadas coa comercialización dos produtos da pesca tamén xeran unha importante actividade económica en Galicia. A tradición pesqueira, o volume da súa frota, a súa capacidade de almacenamento frigorífico, a importancia dos produtos acuícolas, etc, fan que, malia a situación periférica desta rexión, boa parte das canles de comercialización dos produtos pesqueiros en España pasen por Galicia. A frota pesqueira galega está formada por máis de 8.000 barcos, incluídos os auxiliares da acuicultura; deste total, unhas 6.000 unidades pescan no caladoiro galego e os restantes en augas comunitarias ou internacionais. A pesca de altura e grande altura realízase coa frota atuneira conxeladora en augas internacionais dos océanos Atlántico, Índico e Pacífico, que pesca diversas especies de túnidos; a frota palangreira de superficie, composta polo subsector de fresco e o de conxelado, captura peixe espada, marraxo, golfiño e outras quenllas; a frota bacallaeira, a máis antiga, faena en augas de Canadá, Groenlandia e Noruega, usa a técnica da conxelación como método de conservación e a parella como arte de pesca, e ten o seu caladoiro principal en Svalbarde -mar de Barents-; e a frota conxeladora, que pesca nos caladoiros do Atlántico suroccidental -augas das Malvinas- e no Atlántico noroccidental, en augas controladas por NAFO, ademais de Hatton Bank e no mar de Irminger. -
Pesca de altura
Pesca que se efectúa en augas comunitarias ou internacionais. A frota pesqueira galega de altura ten un alto grao de especialización produtiva e tecnoloxía elevada, e opera en ámbitos xeográficos moi dispersos. Máis dun cento de unidades que pescan en Gran Sol reúnen boas condicións de seguridade e habitabilidade a bordo; moitas incorporan pequenos túneles de conxelación e cámaras frigoríficas, que permiten aproveitar mellor os recursos e rendibilizar mellor a pesqueira. A frota galega complétase coas unidades que operan en augas internacionais e de terceiros países. Os barcos pertencentes a empresas mixtas -en que un dos socios é unha armadora galega- crean uns 1.000 empregos máis. A frota pesqueira galega experimentou un profundo proceso de modernización, desenvolvido no período 1994-1999, dentro do programa operativo IFOP, destinado á construción de barcos novos e á modernización doutros. Con isto pretendeuse mellorar as condicións de seguridade e habitabilidade dos barcos, así como o tratamento do peixe a bordo, que permitiu incrementar a súa calidade e valor. Nos últimos anos o sector pesqueiro de altura enfrontouse a dúas dificultades fundamentais: a primeira foi o abandono ou redución no número de barcos en moitos caladoiros tradicionais por razóns políticas ou ambientais e a segunda a supeditación da frota galega ás normativas comunitarias sobre pesca que obrigaron a reducir o número de barcos na pesca de numerosas especies. As especies máis importantes no número de capturas son, nos caladoiros comunitarios, o atún e o peixe espada, e nas augas internacionais, o bacallau e, ata o conflito con Canadá de 1995, o fletán negro.
-
Pesca de baixura
Pesca realizada sen saír da plataforma costeira. Efectúase mediante embarcacións de tamaño medio a unha distancia máxima de 60 millas do litoral. A pesca máis tradicional é a que se realiza dentro das rías ou ben nas súas proximidades. Nela conxúganse as artes e os sistemas máis antigos (barcos a remos, xeitos, axexo, etc), xunto coas técnicas e aparellos máis modernos (radares e embarcacións a gasóleo). Desde finais do s XIX, os portos galegos máis industriais e dinámicos foron os de Vigo e A Coruña, en que a forte demanda de peixe diario sustentaba unha gran frota de barcos de altura, movidos a vapor ou a gasóleo. Aínda así, na maioría dos portos de pesca de baixura de Galicia, principalmente aqueles en que a incidencia da pesca industrial era menos forte, a pesca imperante era a tradicional, a de costa. Cara á década de 1910, coa definitiva eclosión da industria conserveira e o aumento da demanda do peixe, todo o litoral galego foi abandonando a pesca tradicional a prol da de altura e á procura duns niveis produtivos máis altos e estables.
-
pesca fluvial
-
pesca submarina
[DEP]
Modalidade de pesca deportiva que se efectúa a pulmón libre e con arpóns propulsados mecanicamente. Debe sinalarse a posición do pescador cunha boia vermella ou alaranxada, e só pode realizarse entre a saída e a posta do Sol. Tamén deben respectarse unhas distancias mínimas: de 250 m respecto da zona de baño ou doutros deportes acuáticos; de 300 m respecto das artes de pesca de cerco ou arrastre; e de 500 m respecto da pesca con cana. A pesca submarina é unha actividade regulada, tanto polo Estado como polas respectivas comunidades autónomas. Prohíbese a pesca submarina en reservas ou zonas protexidas, así como a comercialización das especies capturadas neses lugares. En canto ás modalidades de pesca submarina, existen, entre outras, a pesca profunda, a máis de 30 m, a pesca á espera e a pesca a pouca profundidade
-
f
s
Conxunto de peixes que se pesca dunha vez.
Refráns
- A liña, pouca fariña.
- A sacada chucha a cana.
- As artes non te mates, porque o mar fai nas redes desbarates.
- As artes non te mates.
- As betas non te metas.
- As betas non te metas.
- Cunha sardiña pode pescarse unha troita ou unha anguía.
- Máis vale pescar no mar linguados que no río barbos.
- O chinchorro fai o zorro.
- Ó escacho polo abril non hai máis que lle pedir.
- O palangre chucha o sangue.
- Ó peixe grande sóltalle a liña.
- O pescar con cana quere paciencia e maña.
- O que vai ás barbadas ás veces na!¡penas esbara.
- O xeito senta o peito.
- Os rniños fan meniños.
- Para pescar hai que ir ao rio ou ao mar.
- Peixe ao cabeceiro, ou moitos ou o primeiro.
- Pescador de anzoo, volve á casa con doo.
- Pescador de cana come máis do que "gana" e, se a sorte lle corre, máis do que "gana" come.
- Pescador de cana máis come que "gana" e, se a sbrte lle vén, máis come que ten.
- Pescador de cana máis perde que gaña.
- Pescador que pesca un soilo peixe, mellar lle é que o oficio deixe.
- Quen queira pescar, ten que se mollar.
- ¿Ti que pescas, Pedro? Pesco as barallocas. ¿E con que as engadas? Unhas coas outras.
- ¿Vas á rapeta? andarás mallado, faraste..., morrerás inflado.
- ¿Vas á rapeta? Andarás mollado, taraste a porreta e morrerás inflado.