pescozo
(< lat post ‘despois’ +cocceu ‘cuncha’)
Parte, xeralmente estreita, do corpo de moitos animais, que une a cabeza co tronco. O esqueleto óseo do pescozo está constituído polas vértebras cervicais e polos hioides. Presenta numerosos músculos, que permiten mover a cabeza, a columna cervical e os hioides. Contén tamén a larinxe, a glándula tiroide, o timo nos nenos e a parte superior da traquea e o esófago, e está atravesado polas arterias carótidas primitivas, a carótida externa e a interna, polas veas xugulares, polos nervios pneumogástricos, espiñal e hipogloso, e polo plexo simpático cervical. No pescozo hai numerosos ganglios linfáticos que se poden inflamar facilmente (adenite cervical) e que recollen a linfa de todas as rexións da cabeza e do colo.