Pessoa, Fernando António Nogueira de Seabra
Poeta portugués. Establecido coa súa familia en República Sudafricana, volveu a Lisboa en 1905, onde traballou como tradutor de inglés para diversas empresas e para algunha editora inglesa interesada en recompilar obras de autores portugueses. Comezou a escribir en portugués en 1908, e os seus primeiros traballos foron os ensaios de crítica aparecidos na revista A Águia (1912), e posteriormente colaborou noutras publicacións como Orpheu e Presença. Considerado como un dos introdutores en Portugal dos movementos de vangarda, en 1914 entrou en contacto con outros vangardistas portugueses, como Mário de Sá-Carneiro e Almada-Negreiros, e xurdiron os seus principais heterónimos, Álvaro de Campos, Alberto Caeiro e Ricardo Reis, personaxes que, á marxe do autor, posúen biografía e estilo propio. Alberto Caeiro “mestre” de R. Reis e de Á. de Campos, é un poeta instintivo, sensual e antimetafísico; Ricardo Reis é helenista e traballa a sintaxe e o léxico, mentres que Campos, enxeñeiro naval, evoluciona desde unha estética próxima á de W. Whitman ata as preocupacións metafísicas coas que pretende explicar a vida desde un punto de vista racional. Estes heterónimos son tanto o testemuño da crise persoal como, á vez, o reflexo da época, mentres que os poemas que asina co seu propio nome translocen o gusto pola poesía popular. Publicou en inglés 35 Sonnets (1913), Antinous (1918), Inscriptions (1921) e Epithalamium (1921). O único libro en portugués que publicou en vida foi Mensagem (1934) e a partir de 1941 foron aparecendo as súas obras completas, que o revelaron como un dos grandes poetas do s XX. Os seus ensaios en portugués editáronse en Páginas de estética e de teoria e vrítica literárias (1967), Páginas íntimas e de autointerpretação (1966), Textos filosóficos (1968), O livro do desassossego (1982) e Fausto (1987).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Lisboa -
Deceso