Pestaña Núñez, Ángel

Pestaña Núñez, Ángel

Dirixente anarcosindicalista. Chegou a Barcelona en agosto de 1914, aliñouse cos anarquistas puros e participou no Congreso Internacional de la Paz, en Ferrol (1915), de onde xurdiron os primeiros intentos reorganizadores da CNT en España. Desde 1915 colaborou en Solidaridad Obrera, xornal que administrou (1916) e dirixiu (1918-1919). No segundo congreso da CNT celebrado en Moscova (1920) acusou os bolxeviques de exercer unha ditadura e reafirmouse na defensa anarquista da necesidade de facer desaparecer o estado. A súa inclinación cara a principios anarcosindicalistas máis moderados produciuse entre 1922 e 1923. Baixo a Ditadura de Primo de Rivera, e ata 1927, defendeu a legalización dos sindicatos confederados. Despois substituíu a J. Peiró i Belis na secretaría do comité nacional da CNT (xuño-decembro de 1929), ata que foi obrigado a dimitir. Despois da ofensiva triunfal dos anarquistas e en especial da FAI contra o trentismo, foi expulsado da CNT en decembro de 1932. En 1934 creou o Partido Sindicalista, que presidiu. Participou na Alianza Obreira e despois no pacto da Fronte Popular, grazas ao que resultou elixido deputado a Cortes por Cádiz. En Galicia tivo unha intensa relación cos seus correlixionarios da CNT, cimentada desde a súa influencia no semanario vigués Despertad! Participou en numerosos actos públicos organizados pola Confederación Regional Galaica (CRG), en que propagou unha visión moderada e construtiva do anarcosindicalismo. Mantivo unha forte amizade e unha intensa relación epistolar con sindicalistas da Coruña e Santiago de Compostela, como Xosé Villaverde, Silvio Santiago García e Leandro Carré Brandariz.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Santo Tomás de las Ollas, Ponferrada

  • Deceso

    Lugar : Barcelona