pH

pH
s m [QUÍM]

Concepto introducido en 1909 por S. P. L. Sorensen para dar unha medida cuantitativa da acidez ou basicidade dunha disolución. Definiu o pH dunha disolución como o logaritmo decimal cambiado de signo da concentración de ións hidróxeno (pH=-log[H+]), e puxo a punto un método electrotérmico para determinalo. A pesar de que este método quedou como definitivo, o concepto primitivo de pH sufriu varias transformacións. Actualmente, o pH é definido dun xeito operativo, segundo a ecuación pHx-pHr =(Ex-Er)k, en que pHx é o pH da disolución descoñecida, pHr, o da disolución de referencia, Ex a forza electromotriz da célula H2 (1atm)/disolución x W eléctrodo de referencia, Er, a forza electromotriz da célula H2 (1atm)/disolución r W eléctrodo de referencia, e k unha constante que depende da temperatura. O eléctrodo de referencia máis empregado é o de calomelanos, e o de hidróxeno é normalmente substituído por un de vidro.