Piaget, Jean

Piaget, Jean

Psicólogo suízo. Foi profesor das universidades de Neuchâtel (1925-1929), Xenebra (1929-1971) e Lausanne (1938-1951), e profesor invitado en La Sorbonne (1952-1963). Dirixiu o Bureau International d’Education (1929-1967) e fundou e dirixiu o Centre International d’Epistémologie Génétique (1955-1980). A súa liña de traballo centrouse en temas de psicoloxía infantil e evolutiva, especialmente no xurdimento e desenvolvemento da intelixencia no neno, e na interrelación entre pensamento e ambiente social, poñendo de manifesto como o pensamento dos nenos, de características moi diferentes ao dos adultos, está condicionado por diversas transformacións, pola interrelación co ambiente e pola propia experimentación, co xogo dos sentidos e da súa estimulación, ata converterse nun pensamento adulto. O desenvolvemento intelectual sería un proceso adaptativo baseado en dous procesos fundamentais: o de asimilación e o de acomodación. Como consecuencia da propia actividade intelectual, e en intercambio co medio, o individuo constrúe as súas estruturas intelectuais (construtivismo ou estruturalismo xenético). As etapas fundamentais do desenvolvemento cognitivo que describe son: 1) etapa sensorio-motora (0-2 anos), en que os nenos mostran una viva e intensa curiosidade polo mundo próximo que os rodea, e a súa conduta está dominada polas respostas aos estímulos; 2) etapa preoperacional (2-7 anos), en que o pensamento do neno é máxico e egocéntrico; 3) etapa das operacións concretas (7-11 anos), en que o pensamento do neno é concreto; e 4) etapa das operacións formais (11-15 anos), en que xa é capaz de realizar abstraccións e comeza a etapa correspondente ás facultades superiores dos seres humanos. Cómpre subliñar que este esquema de desenvolvemento cognitivo ten un carácter contrastado, pero aproximativo e non ríxido. Esta perspectiva xenética é a base fundamental dos modelos pedagóxicos actuais -didácticos construtivistas, en oposición ao condutismo e ás formulacións didácticas derivadas del. Destacan as súas obras La psychologie de l’intelligence (1947), Introdution à l’épistémologie génétique (1950), Le langage et la pensée chez l’enfant (1956), Études d’epistémologie génétique (1957-1962), Traité de psychologie expérimentale (1963-1969), Six études de psychologie (1964), Psychologie et Pédagogie (1969), Le jugement moral chez l’enfant (1969), L’épistémologie génétique (1970) e L’équilibration des strutures cognitives (1975).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Neuchâtel

  • Deceso

    Lugar : Xenebra