1 piano
(< ital pianoforte)
-
s
m
[MÚS]
Instrumento de corda de tecla que consta dunha caixa onde están as cordas que se percuten mediante un mecanismo accionado por un teclado. A forma da caixa deu lugar a dúas formas de piano: o piano de cola e o piano vertical ou de parede. Ambos os dous conteñen unha táboa de harmonía que amplifica as vibracións das cordas. As teclas que corresponden ao rexistro grave percuten nas cordas simples (que son metálicas), as que corresponden ao rexistro medio nas cordas dobres e as de rexistro agudo nas cordas triplas. O mecanismo de escape posibilita unha execución máis rápida e precisa ca nos outros instrumentos de teclado. Inclúe tamén os apagadores, que amortecen a vibración da corda cando o dedo non preme a tecla. O teclado acada 7 1/3 oitavas, ás veces incluso 8. O sistema de pedais ten unha misión múltiple: o da esquerda (tamén chamado celeste), diminúe a sonoridade; o da dereita afasta todos os apagadores e permite que continúen a vibrar as cordas percutidas, aínda que os dedos xa non preman a tecla; e o terceiro pedal, opcional, adoita ter función de sordina, ou ben é unha variante do pedal da dereita (afasta só os apagadores correspondentes ás teclas premidas). A principios do s XVIII, B. Cristofori construíu o primeiro piano que chamou gravicembalo col piano e forte, aludindo á capacidade do novo instrumento para matizar a intensidade do son. Por esta razón, o novo instrumento foi chamado en italiano pianoforte. O seu papel como instrumento solista foi moi notable desde finais do s XVIII. J. C. Bach e W. A. Mozart foron os primeiros autores que escribiron un número importante de obras para o piano, aínda moi rudimentario no seu tempo. O grande éxito do piano produciuse coa música de Beethoven. Algúns autores, como Chopin, centraron nel practicamente toda a súa produción musical.
-
piano de manubrio
[MÚS]
Piano que funciona accionando unha manivela ou manubrio.
-
piano electrónico
[MÚS]
Instrumento electrófono provisto de osciladores e accionado mediante un teclado.
-
piano mecánico
[MÚS]
Instrumento reprodutor de música adaptado a un piano ordinario.