Picos de Europa, Parque Nacional
Espazo natural protexido de 24.719 ha, declarado Parque Nacional en 1995 ao incluírse dentro do antigo Parque Nacional das Montañas de Covadonga. É un sistema montañoso situado na parte central da Cordilleira Cantábrica, que se estende por Asturias, Cantabria e Castela e León. A súa morfoloxía actual débese ao modelado glaciario e cárstico sobre zonas calcarias que propiciaron unha erosión diferencial. A súa paisaxe presenta montañas de grande altura (Peña Cerredo, 2.648 m), presididas por impresionantes agullas e afiadas arestas, con profundas gorxas de augas cristalinas, que dan paso a frondosos vales cubertos de bosques. Respecto á flora, hai prados e bosques de carballos (Quercus), abeleiras (Corylus avellana), amieiros (Alnus), salgueiros (Salix), freixos (Fraxinus), pradairos (Acer), teixos (Taxus baccata), faias (Fagus) e castiñeiros (Castanea sativa), entre outros, así como numerosos fentos. En canto á fauna destaca a presenza do oso (Ursus arctos), o lobo (Canis lupus), o raposo (Vulpes vulpes), o rebeco (Rupicapra rupicapra), o corzo (Capreolus capreolus) e a garduña (Martes foina). Das aves, existen máis de 140 especies distintas; teñen importancia o crebaosos (Gypaetus barbatus), a pita do monte (Tetrao urogallus), a aguia real (Aquila chrysaetos), o voitre leonado (Gyps fulvus) e o peto negro (Dryocopus martius), así como numerosas paseriformes. Destaca tamén unha cabana gandeira autóctona, con razas adaptadas a estas paraxes, como as vacas casina, ratina e tudanca, que constituíron a base da súa economía. Respecto á xestión do parque, cabe destacar a existencia dun plan de recuperación do crebaosos, en colaboración con outros parques da Península Ibérica, un programa específico para a recuperación da pita do monte, en coordinación coas comunidades autónomas, un plan de seguimento do rebeco, igual ca no Parque Nacional de Ordesa e Monte Perdido, e un plan de conservación do gando autóctono, que implica compatibilizar as actividades gandeiras tradicionais das xentes do lugar coa conservación do medio.