Piemonte

Piemonte

Rexión do N de Italia que comprende as provincias de Alexandría, Asti, Biella, Cuneo, Novara, Turín, Verbano-Cusio-Ossola e Vercelli (25.399 km2; 4.166.442 h [2001]). A súa capital é Turín. Constitúe practicamente a alta conca do Po e comprende a vertente italiana dos Alpes occidentais, desde a depresión de Tenda ata Simplon, a excepción da alta conca do Dora Baltea ou Val de Aosta, e a vertente N dos Alpes Ligures. Nos Alpes piemonteses localízanse algúns dos macizos alpinos máis importantes, como o Monte Rosa (4.645 m) e o Gran Paradiso (4.061 m). A chaira está formada por materiais sedimentarios. O clima é continental. Hidrograficamente pertence á alta conca do Po, formada por este río co Dora Riparia, o Dora Baltea e o Orco, entre outros afluentes. A poboación concéntrase principalmente na provincia de Turín. A área agrícola máis produtiva é o sector da chaira e dos outeiros, e os cultivos principais son os cereais, as patacas, as árbores froiteiras e a vide. A industria é, non obstante, a actividade preponderante, destacando especialmente a do automóbil en Turín. Parte da Galia Transpadana e de Liguria pasou sucesivamente ao dominio dos xefes bárbaros Odoacro (476-493) e Teodorico I o Grande (493-526). Tamén foi ocupada polos bizantinos (555) e lombardos. No s X creáronse as marcas, das que destacaron as de Ivrea, Liguria e Turín. Ao morrer Arduino de Ivrea (1015), o seu marquesado foi tomado por Oderico Manfredo, marqués de Turín. A súa filla, Adelaida, casou con Humberto I de Blancomano (1091), conde de Savoia, e ao morrer este o país separouse da Casa de Savoia. Tras a morte de Xoana I de Nápoles (1382), Amadeo VI de Savoia obtivo as posesións do Piemonte e coa morte de Luís de Acaia (1419), Amadeo VIII conseguiu o resto do país. Destaca o Sacri Monti, declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO (2003).