Pietro, Guido di
Pintor italiano. Coñecido como frei Angelico, en 1407 ingresou no convento de dominicanos de Fiesole, do que foi prior (1448-1450) e onde tomou o nome de frei Giovanni di Fiesole. Considerado discípulo de Lorenzo Monaco, entre 1409 e 1418 exiliouse, con toda a comunidade, a Foligno e Cortona, pois non aceptaran o Papa Alexandre V. Cara a 1438 comezou a decorar o convento de San Marco, en Florencia. En 1447 trasladouse ao Vaticano, onde decorou con frescos a capela de Nicolao V (Storie di Santo Stefano e San Lorenzo, 1447-1450). Foi un artista de temática exclusivamente relixiosa e intencións edificantes, con esquemas miniaturistas, pero de linguaxe pictórica moderna cunha achega xenial: a iluminación plena e o delicado uso do cromatismo. As súas obras, feitas a miúdo coa colaboración de discípulos, consérvanse na súa maior parte no Museo dell’Angelico, en San Marco; destacan Annunciazione (1435-1440), Crocifissione e Giudizio Universale. Sobresaen tamén L’incoronazione (1425), Annunciazione (Cortona, 1425-1430) e o Trittico di Perugia (1437).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Vichio, Mugello, Toscana -
Deceso
Lugar : Roma