Pillado Mayor, Francisco

Pillado Mayor, Francisco

Escritor, tradutor, editor e investigador teatral. Especializado na historiografía do teatro galego, foi director da colección “A Biblioteca do Arlequín” de Edicións Sotelo Blanco, participou na fundación da editorial Laiovento, da que é director, e promoveu a creación de publicacións especializadas de teatro como Don Saturio e Casahamlet, ou a colección Castrodouro-Teatro. Cofundou o Grupo de teatro O Facho (1965), a Escola Dramática Galega (1978), a compañía Luís Seoane (1980) e Elsinor Teatro (1990), onde desenvolve as máis diversas tarefas, normalmente asociadas á tradución de textos e á edición de todo tipo de materiais, dos que destaca a colección “Cadernos da Escola Dramática Galega”, con máis de cen títulos publicados, labor polo que recibiu en 1989 o Premio da Crítica; e os Cadernos da Sala Luís Seoane. Traduciu ao galego textos de Maquiavelo, S. Becket, M. de Ghelderode, A. Strindberg, A. Chekhov, E. Ionesco, Luís Seoane, F. García Lorca ou J. Genet, e é autor das versións de Cyrano de Bergerac, escrita en colaboración con Paulino Pereiro e estreada por Librescena Producións en 1999; e Fígaro ou a inútil precaución (2003), baseada nun texto de C. de Beaumarchais. Publicou traballos monográficos sobre Lugrís Freire, Luís Seoane, Rafael Dieste, Varela Buxán ou Castelao e, xunto con Manuel Lourenzo, tirou do prelo O teatro galego (1979), Antoloxía do teatro galego (1982) e Dicionário do teatro galego 1671-1985 (1987). Ademais, escribiu, en colaboración con M. A. Fernán-Vello, os libros A nación incesante: conversas con Xosé Manuel Beiras (1989) e A estrela na palabra: novas conversas con Xosé Manuel Beiras (2004). Recibiu o Premio da Aula de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela (1981), compartido con M. Lourenzo, e o Premio Compostela de Honra (1993).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : A Coruña