píntega
(
-
s
f
[ANIMAL]
Urodelo terrestre, de 6 a 11 cm de lonxitude, que aínda que moi variable, presenta unha coloración que consiste nunha serie de manchas amarelas sobre fondo negro na cabeza, tronco e extremidades. Nalgunhas poboacións as manchas da cabeza son arroibadas. Ten grandes glándulas parótides aos lados da cabeza e dúas series de lonxitudinais de poros ao longo da columna vertebral que producen secrecións defensivas cando o animal é molestado. De hábitos nocturnos, a súa actividade varía coa altitude, estando en zonas baixas de Galicia e de Francia activas todo o ano. As femias, despois dun apareamento terrestre, poñen de outono a abril, entre 5 e 86 larvas, en fontes ou regueiros de augas limpas, que tardan ata cinco meses en desenvolverse. Aliméntase de pequenos invertebrados e á súa vez pode ser depredada por cobras de auga, víboras, furóns e londras. Poden acadar os 20 anos de vida en liberdade. A píntega localízase en todo tipo de fragas con elevada humidade e distribúese amplamente no Paleártico occidental, ocupando boa parte de Europa, Israel e do Magreb. Na Península Ibérica é común no N de Portugal, Galicia, Asturias, Santander, Euskadi e Pireneos; no centro e no S está restrinxida aos sistemas montañosos, onde pode ser moi escasa. En Galicia é moi común ata os 1.800 m de altitude, aínda que parece máis abondosa no N. Téñense descritas 15 subespecies ou razas xeográficas, das que nove están localizadas na Península Ibérica e oito son endémicas. Aínda que se recoñecen nove subespecies, traballos recentes de sistemática molecular reducen este número a cinco grupos monofiléticos: no N peninsular, o complexo fastuosa/bernardezi, de poboacións vivíparas ou de estratexia mixta; rodeado polo complexo gallaica/terrestris, o grupo bejarae/almanzoris, no Sistema Central; o complexo crespoi/morenica, entre os ríos Guadiana e Guadalquivir e, finalmente, a subespecie S. s. longirostris, localizada ao S do Guadalquivir. En Galicia está a subespecie S. s. bernardezi no NL, que é predominantemente vivípara e cunha coloración en bandas amarelas sobre fondo escuro ou coloración parda uniforme; e S. s. gallaica no resto do territorio, cun tamaño máis grande, manchas amarelas e rubias e fociño afiado. Os exemplares galegos desta última subespecie son afíns xeneticamente a S. s. terrestris.
Sinónimos: pezoia, pezoña, pinchorra, pintarraga, sacabeira, sacarrancha, salamanca, salamántiga, sapagueira. -
píntega rabilonga
[ANIMAL]
Anfibio de ata 150 mm de lonxitude, que presenta o corpo alongado e delgado, coa cabeza pequena e os ollos grandes e unha longa cola que mide máis de dous terzos da lonxitude do corpo. A pel é parda con liñas douradas e o ventre gris. Aliméntase principalmente de arácnidos, dípteros e coleópteros e aparece en regatos limpos e osixenados de Galicia, nos dous terzos setentrionais de Asturias e na metade N de Portugal. É un endemismo do NO da Península Ibérica.