Pintos Fonseca, Luís

Pintos Fonseca, Luís

Pintor e gravador. Iniciou a súa formación con Eduardo Rojas e con Carlos Sobrino Buhigas e Castelao, quen estimulou o seu interese polo gravado. Colaborou como debuxante na Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra (1923-1926), e en 1924 ilustrou Seara, o poemario de Herminia Fariña, empregando o procedemento da xilografía, ao igual que a novela Os Nenos (1925), de X. Filgueira Valverde. Nas súas ilustracións para os xornais Galicia. Diario de Vigo e Faro de Vigo empregou unha nova técnica: a linoleografía, iniciada por Castelao. Desde 1926 foi bolseiro da Deputación de Pontevedra e formouse durante tres na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando de Madrid. Inscribiuse no ámbito da pintura paisaxística de tradición romántica (Mariña 1928; Luz de lúa e efecto de sol, 1929; Trebón, 1931), onde plasmou as que se ían converter en características esenciais da súa obra, como a preocupación polos efectos lumínicos e atmosféricos (Anoitecer en Pontevedra, 1929; Luz no mar, 1941), a calidade e a importancia do debuxo e a ausencia de figuras humanas. Desde 1929 instalouse definitivamente en Pontevedra, onde exerceu como docente desde 1931 na Escola Normal e na Sociedade Económica de Amigos do País. Traballou como ilustrador nas revistas Cristal, Logos, Spes ou Aturuxo e, moi vinculado á ideoloxía galeguista, participou nas campañas de apoio ao Estatuto de Autonomía de 1936, para o que realizou un cartel propagandístico. Durante a Guerra Civil Española refuxiouse no mosteiro de San Xoán de Poio, onde comezou a carreira eclesiática, ordenándose en 1947. Influído por Carlos Sobrino, realizou excursións pitóricas en busca de novos motivos para as súas pinturas e a influencia deste tamén se deixou notar nos seus gravados, que conxugou co esquematismo expresionista propio de Castelao. Traballou tamén na realización de estampas, cunha certa tendencia á art decó (Flores, Nocturno, Xardín con fonte). A súa obra dirixiuse cada vez máis a representar o eu interior, aínda que sempre a través da paisaxe. Entre 1944 e 1945 ilustrou a Guía Anuario de Pontevedra e as revistas Finisterre e Sonata Gallega. Desde a década de 1950 as súas pinturas caracterizáronse por unha gran meticulosidade na realización, a pesar das súas importantes dimensións. Destacaron San Benito de Lérez desde a marxe esquerda do río ou Paisaxes do Lérez.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Pontevedra

  • Deceso