Pinzás Cerqueira, Juan

Pinzás Cerqueira, Juan

Realizador, guionista e produtor cinematográfico. Despois da súa formación como enxeñeiro electrónico no Instituto de Estudios Electrónicos de Madrid, realizou pequenos traballos en súper 8 a partir de textos propios, como Aconteceu en Galicia e Amanece en Vigo; ou alleos, como O derradeiro Fiana. De aí pasou á realización de curtametraxes en 35 mm, como Homo Hominis. Opus I (1982), coa que obtivo unha mención especial no Festival Internacional de Cine de Bilbao. A produción de curtametraxes conduciuno á fundación da produtora Pilar Sueiro Films, máis tarde Atlántico Films (1985). Despois da triloxía Augurio, Virginal e Vestida de fiesta, dirixiu a súa primeira longametraxe, La gran comedia (1986). Posteriormente rodou O xogo das mensaxes invisibles (1991, Premio á mellor película no Festival Internacional de Cinema de Figueira da Foz 1992), La leyenda de la doncella (1994, Premio Colón de Plata no Festival de Cine Iberoamericano de Huelva e Garza de Oro á mellor película no Festival de Cine de Miami), Érase outra vez (1999), o primeiro filme ‘dogma’ do cine español; Días de voda (2002) e O desenlace (2005), co que pecha a súa triloxía ‘dogma’. Homenaxeado polo Festival de Cine de Burgos (2001) e polo Festival Internacional de Cine de Nápoles (2003), recibiu o título de Vigués Distinguido (2002).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Vigo