Piñeiro Martínez, Luciano Manuel

Piñeiro Martínez, Luciano Manuel

Realizador cinematográfico. Coñecido como Chano Piñeiro, licenciouse en Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela. Aínda que apenas tivo relación cos grupos que na década de 1970 se organizaron ao redor do cine galego, a súa afección levoulle en 1976 a escribir o seu primeiro guión baseado en Sempre en Galiza, que se materializou na curtametraxe Os paxaros morren no aire (1977), realizada en súper 8 e que conseguiu, entre outros premios, o Film de Oro do Ministerio de Cultura. En 1979 iniciou o proxecto da súa primeira longametraxe, Eu, o tolo, que rematou en 1982. A cinta, de 110 minutos de duración, conta a vida de Eu, un home que casa cunha bicicleta e que despois das máis diversas aventuras chega a ser presidente do goberno. En 1984 tivo a oportunidade de pasar ao formato profesional e realizou Mamasunción, unha curtametraxe que obtivo un inusitado éxito en diversos festivais nacionais e estranxeiros. A cinta é unha reflexión sobre os efectos dramáticos da emigración no rural galego, representada aquí na personaxe protagonista, unha muller -interpretada por unha anciá do lugar que non era consciente do que estaba a facer-, e que leva corenta anos esperando noticias do seu único fillo que vive en México. Veu despois Esperanza, realizada en 1986 e financiada integramente polo Concello de Vigo. Nela, Piñeiro afástase do mundo rural e afronta unha estética urbana, agresiva, con decorados cheos de cemento e dotada dunha luz fría e triste, en que se reflicte a situación dunha familia (pai, nai e neno), cun pai alcólico. En 1989 Piñeiro puxo en marcha o proxecto da que foi a súa única longametraxe, Sempre Xonxa. A cinta conta a historia dun triángulo amoroso nunha aldea da Galicia interior ao longo de corenta anos. A cinta tivo graves problemas de financiamento debido a que o director pretendeu facer corresponder as distintas etapas das vidas dos tres personaxes principais coas diferentes estacións do ano, o que supuxo varias suspensións da rodaxe. O seu derradeiro filme foi O camiño das estrelas (1993), realizado co gallo da celebración do ano xacobeo. Dispuxo duns medios extraordinarios naquel momento -1.200.000 euros-, e nela tentou reflectir a historia de amor dunha serea e un lobishome, cun resultado que se afastou do agardado.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Santiago de Compostela

  • Deceso

    Lugar : Vigo