piragüismo
(
Deporte que consiste en navegar con piragua, canoa ou kaiak. Introduciuse nas olimpíadas como deporte de exhibición en París 1924, para converterse en deporte olímpico en Berlín 1936, na categoría masculina, e en Londres 1948 na feminina. Practícase en kaiaks dunha, dúas ou catro prazas (K-1, K-2 e K-4), ou en canoas dunha ou de dúas prazas (C-1 e C-2). Componse de 12 disciplinas; nove son masculinas (C-1 500 e 1.000 m, C-2 500 e 1.000 m, K-1 500 e 1.000 m, K-2 500 e 1.000 m e K-4 1.000 m) e tres femininas (K-1 500 m, K-2 500 m e K-4 500 m). Tamén teñen categoría olímpica as competicións de slalom con K-1 (masculino e feminino), C-1 e C-2 (masculino), nas que se fai un percorrido sinuoso marcado sobre augas vivas, sobre 25 portas, ou ben só descenso. Entre os medallistas españois, cómpre destacar a medalla de ouro en C-1 1.000 m e a de prata C-1 500 m, conseguidas polo piragüista galego David Cal Figueroa.