pirámide

pirámide

(

  1. s f [MAT]

    Poliedro que ten por base un polígono calquera e as outras caras (caras da pirámide), constitúen triángulos que teñen un vértice común (vértice da pirámide). Denomínase triangular, cuadrangular, pentagonal, etc, segundo se a base é, respectivamente, un triángulo, un cuadrilátero, un pentágono, etc. Unha pirámide é regular se a base é un polígono regular e se as caras son triángulos isósceles. A altura dunha pirámide é a distancia do vértice con respecto ao plano do polígono. O volume da pirámide é o terzo da superficie da base pola altura. Cortando unha pirámide cun plano obtéñense dous poliedros, o que contén o vértice é tamén unha pirámide; o outro, que non remata en punta, recibe o nome de pirámide truncada.

    1. s f [ARQUIT/ARQUEOL]

      Monumento de forma piramidal empregado antigamente en Exipto como sepulcro e polos maias e os aztecas como templo. A pirámide do Sol pertence á civilización mexicana de Teotihuacán, formada por cinco andares de socalcos, xunto coa pirámide da Lúa. Tamén en México, as culturas do golfo e as toltecas edificaron as pirámides de El Tajín (Veracruz) e Tula. Os maias construíronas tamén en Tikal e en Chichén Itzá. No antigo Exipto empregábanse como tumbas dun faraón ou dunha raíña. O seu uso estendeuse posteriormente a Sudán. En realidade, a pirámide exipcia era o centro dun vasto complexo arquitectónico: un templo de recepción, unha rampla ou calzada, a pirámide en si e, finalmente, unha serie de almacéns e edificios. Durante o longo período que estivo en uso, desde o reinado de Djoser I (2737-2717 a C) ata o de Amosis (1570-1546 a C), a pirámide experimentou unha serie de cambios. Ás do Imperio Antigo (2686-2181 a C), auténtica idade das pirámides, pertencen algunhas da dinastía III, como a pirámide de chanzos de Djoser I no Ṣaqqāra, as de transición, o grupo de Al Ǧiza (dinastía IV) e, por último, as da dinastía V, situadas en Abūsīr e, en menor medida, en Ṣaqqāra, e as da VI, case todas neste último xacemento. As pirámides do Imperio Medio (2040-1786 a C) distribúense máis amplamente, pero son de proporcións menores e de calidade inferior, xa que a maioría son de adobe en lugar de pedra. Entre as do II Período Intermedio e as do inicio do Imperio Novo (1567-1546 a C), cómpre destacar dúas da dinastía XIII, en Ṣaqqāra, e dúas de Amosis, en Abidos. Polo que respecta ás pirámides de Sudán, caracterízanse polas súas pequenas dimensións e porque a súa forma externa difire da das exipcias. As de Napata (800?-300 a C) sitúanse nas necrópoles de Kurru e Nuri, e as de Meroe (300 a C-300 d C) localízanse na actual Bagarawiya.

    2. pirámide de chanzos

      Pirámide que presenta, en todas as súas caras, unha sucesión decrecente de chanzos, amodo de escaleira.

  2. [ANAT]
    1. s f

      Nome aplicado a diversas formacións anatómicas que teñen unha forma semellante á dunha pirámide.

    2. pirámide de Laloulette

      Prolongación superior do istmo do tiroide.

  3. pirámide alimentaria [ALIM]

    Representación gráfica que consiste nunha pirámide con diferentes niveis, con que se trata de recomendar unha alimentación máis equilibrada, tanto en canto aos tipos de alimentos que se deben consumir, como nas cantidades recomendadas. Na base estarían os carbohidratos procedentes dos cereais (pan, arroz, etc); no primeiro nivel as froitas e as verduras, que achegan vitaminas e fibra; no segundo os lácteos, que proporcionan calcio e proteínas, as carnes e os peixes (con proteínas, ferro, etc); e no último nivel as graxas, aceites e doces, cuxo consumo debe ser moderado.

  4. pirámide de idades [DEMOG]

    Histograma dobre simétrico que representa a estrutura por idades e sexos dunha poboación. A partir da súa análise dedúcense moitos datos referentes á historia demográfica do século anterior á data de referencia, en especial aos aspectos relacionados coa natalidade, mortalidade, crecemento natural e real e migracións, e pódense extraer conclusións ou indicios sobre o futuro demográfico desa poboación. Na base refírense datos sobre a cantidade de efectivos, xa sexa en números relativos ou absolutos, contabizándose desde o centro do eixe de ordenadas cara aos dous extremos. O eixe de abscisas é dobre, á dereita recolle o conxunto de mulleres de cada idade, e á esquerda o de homes, ascendendo en grupos quinquenais desde a base cara ao cumio. As pirámides representan a situación demográfica dunha poboación; así, as poboacións subdesenvolvidas ou novas mostran unha base ancha e unha diminución progresiva e regular ata o cumio. Son poboacións con taxas de natalidade e mortalidade elevadas. As poboacións en transición mostran unha diminución pronunciada na base, que caracteriza a poboacións cunha natalidade decrecente e unha mortalidade estable. As poboacións avellentadas presentan un número semellante de efectivos en todos os grupos de idades e caracterizan a poboacións con valores de natalidade e mortalidade equiparables.

  5. pirámide ecolóxica [ECOL]

    Diagrama de forma xeralmente piramidal en que se representa a biomasa, os niveis de enerxía ou o número dos organismos de cada nivel trófico dun ecosistema. Os organismos produtores (fotosintetizadores) ocupan a base da pirámide. Por riba deles, existen diversos tipos de consumidores (fitófagos, carnívoros depredadores de herbívoros e carnívoros depredadores de carnívoros). Cada nivel trófico mantense grazas á enerxía que obtén do nivel inmediatamente inferior; cada nivel trófico ten unha produción maior ca o seu nivel inmediatamente superior e menor ca o seu nivel inferior, posto que cada nivel superior se explota con menos intensidade. A pirámide de números representa o número de organismos a cada nivel trófico; a pirámide de biomasa, o peso total dos organismos de cada nivel nun momento dado, e a pirámide de produción, o fluxo de enerxía, coa velocidade con que se produce un alimento e a súa cantidade total.

  6. textos das pirámides [RELIX]

    Colección de 700 sortilexios, inscritos nalgunhas cámaras funerarias das pirámides exipcias, destinados a protexer o rei ou a raíña na súa viaxe ao outro mundo e a proporcionarlles un lugar entre os deuses. Localízanse na pirámide de Unas, derradeiro faraón da dinastía V, nas dos catro reis da dinastía VI, Tetis, Pepi I, Merenre Atiemsaf I e Pepi II; na das tres mulleres deste último e na do faraón Ibi (2167?-2164 a C), da dinastía VIII. A data da súa composición ou ben é anterior á unificación de Exipto (3100 a C) ou ben tivo lugar entre as dinastías III (2686?-2613 a C) e V (2494?-2345 a C). Durante o Imperio Medio (2040-1780 a C), iniciouse unha democratización dos usos funerarios coa incorporación de novos sortilexios, feito que abriu a porta a outra colección, a dos textos dos sarcófagos, destinados a protexer ao defunto dos perigos existentes no outro mundo. Isto deriva nunha nova colección de feitizos, mal denominada Libro dos mortos, escrito en papiro e de gran difusión no Imperio Novo (1567-1085 a C) e na Época Baixa.

Palabras veciñas

piralé | pirálido -da | piramidal | pirámide | 1 piramidón | 2 piramidón | Píramo